Site icon Crónica3.com A Mariña

Da capo

Da capo

TELÓN

A morte de Manuel Fraga dou ocasión á normal riola de pésames en praticamente todos os ámbitos da sociedade, como é lóxico cando se trata dunha figura de tan dilatada e activa vida, particularmente no eido da política. A morte dunha persoa subscita polo xeral sentimentos de pesar e o envio de condolencias aos seus. Outra cousa son os xuizos sobre a sua traxectoria no eido co que está máis estreitamente vencellado, onde é lóxico que aparezan as controversias, reflexo das que subscitou en vida e que agora terán que ser peneiradas e obxectivizadas. Independentemente de que sempre estivemos acollidos a bandeiras políticas diferentes, seguindo un pouco a onda de relatar a pouca relación que mantivemos con el, e centrándonos tan só no nivel do anecdótico, o certo é que cadramos en diversas ocasións, co gallo de ostentarmos unha alcaldía e, posteriormente, en duas lexislaturas do Parlamento. Son realmente minucias, pero en absoluto difiren dos riscos característicos do seu singular perfil..

Daquela primeira etapa, debo anotar o escrupuloso trato institucional traducido nuns xeitos protocolarios que o distanciaban dos seus propios conselleiros, particularmente dalgúns, moi dotados quizais de cualidades mais propias dun cabo furriel ou dun capataz de monterias, dito sexa co máximo respecto cara estas profesións de tanta aboenza, pero certamente distanciadas dos usos propios da actividade política. Asistin con el a actos de diverso tipo, mesmo algún no estranxeiro, e a conversa foi sempre distendida e ocorrente. Na cámara autonómica nunca nos correspondeu o debate directo, aínda que si asistir a momentos de todo tipo, moi caracterizadores do seu singular xeito de producirse: o enxeño ás veces, que reservaba para discutir segundo con quen, e naturalmente os estoupidos, por onde o volcán autoritario deitaba a sua lava. Algús tristeiros como foi o esvaecemento que lle dou cando pronunciaba o discurso sobre o estado da autonomía en outubro do 2004, ainda que moi revelador do seu carácter, xa que se negaba a abandoar a tribuna pese ao requerimento do seu conselleiro de Sanidade. Porque no propio entorno subscitaba algo máis próximo ao medo que ao respeto. Seguramente que nese contexto de caguelos se atopaba máis cómodo que entre afoutos.

Con todo, e ainda tendo en conta a sua habelencia para irse adaptando ás circunstancias, e a evidente evolución cara a democracia, hai unha etapa da sua biografía moi dificil de agachar ou esvaecer: os anos de entregado e entusiasta servizo ao réxime franquista, ou sexa á dictadura, como membro dun consello de ministros que non tivo problemas en tomar estarrecentes decisións, algunhas dunha gravedade capaz de turbar o ánimo máis romo, insensible e túzaro, e que foron alén dos puros erros humanos, cando menos á luz da moral e dos propios mandamentos.

Eduardo Gutiérrez

Exit mobile version