De cintos; impostos; malas maneiras; maiorías absolutas e galos
A lexislatura apenas iniciou a súa andaina e baixo a desculpa do mala que está a cousa a nova e suficiente maioría gobernante apurouse a adoptar decisións que, á marxe de que sirvan ou non, o tempo dirá, para corrixir o déficit e gañar a confianza dos mercados, valeron, sobre todo, para desterrar o estigma que durante toda a súa carreira pesou sobre o seu presidente, que non era outro que o de home dubitativo e previsible. Nun par de semanas Mariano Rajoy puxo en marcha o maior axuste orzamentario da etapa democrática. Outra cousa é que este se fixo incumprindo promesas electorais. Pero esa e outra historia.
E coidado tamén co presidencialismo. Ese que se parapeta en que as duras e desagradables decisións, como a subida de impostos, entre outras, eran imprescindibles ao coñecer, hai apenas dúas semanas, a dolorosa situación das arcas do Estado. Como se tamaño e aguerrido plan de axuste puidese bosquexarse nun fin de semana! Non todos somos parvos, señores do PP.
Incremento do IRPF aprobado, por certo, vía decreto, evitando o debate. Así non, porque pode concluírse que o que se pretende é evitalo. Por iso tampouco é de recibo a inflexibilidade na interpretación do regulamento do Congreso que vai camiño de condenar ao silencio aos grupos minoritarios, entre eles o BNG, lexítimos representantes de centos de miles de cidadáns, agrupados nun grupo mixto condenado á inoperancia, ao non ter algún dos seus representantes un chisco de tempo para facer ouvir a súa voz.
Por non falar dese intento de recentralización ás bravas da España das autonomías, vía control dos orzamentos autonómicos antes de ser sometidos aos seus parlamentos, cerceando así a autonomía financeira, e xa se sabe que sen esta non hai autonomía política; ou ese inoportuno xesto de reunirse primeiro cos conselleiros das comunidades do PP para máis tarde facelo co resto, dando un rumbo partidista, innecesario á acción do Goberno de España. Así non.
En todo caso, non esquezan aquelo de «O humor mantennos cordos. Cando paras de rir estás morto», por iso, para sentar as nais e recompor os ánimos atrévome a proporlles unha receita de galo fantástico para os días de abatemento: Coller un galo fresco de 3 Kg; encher con variedade de verduras sazonadas con allo, sal e romeu; cubrir a fonte en que se forneará con papel aluminio e prequentar o forno a 350 graos; bañar o pito con: 1 cunca de ron, 1 cunca de brandy, 1 cunca de coñac, 1 cunca de whisky, 1 cunca de vodka, 1 cunca de tequila, 1 cunca de champagne, 1 cunca de viño tinto, 1 cunca de viño branco, 1 cunca de cervexa clara, 1 cunca de cervexa escura; cubrilo moi ben co papel aluminio groso; fornear o pito a 325 graos por 1 hr; sácase o pito do forno; déixase arrefriar por 5 minutos; tírase o pito a o carallo e tómase o caldito. Entendeume Señor Rajoy, pois a o loro.
Otero Regal