Site icon Crónica3.com A Mariña

Duelo de números e emocións en Xaén para finalizar a primeira volta

Nota de prensa:
DUELO DE NÚMEROS E EMOCIÓNS EN XAÉN PARA FINALIZAR A PRIMEIRA VOLTA

A liga de Segunda volve o sábado cun duelo de números e emocións para o Burela FS Pescados Rubén, que estreará 2012 pechando a primeira volta na casa do Fuconsa Jaén (La Salobreja, 18.00 horas).

A rivalidade está servida entre a sexta praza andaluza (21 puntos) e a sétima galega (20), nun encontro no que o pasado se entrecruza. O adestrador laranxa, Quique García, medirase ao que foi o seu equipo durante máis de 15 anos; do bando xienense o ala-pivote Minu (2004-06//2007-11) e o adestrador Dani Rodríguez, vinculado á entidade mariñá na súa etapa de xogador (2006-08), reecontraranse con vellos compañeiros.

“Para nós é un partido importante que afrontamos coa intención de conseguir a vitoria. Non será doado; haberá moitas emocións encontradas. Nacín en Xaén e fun xogador do club durante trece tempadas, ademais de dous anos e medio como adestrador; é unha sensación estraña, pero a miña ilusión pasa por realizar un bo traballo colectivo co Burela FS e conseguir os tres puntos en xogo” explicou o estratega burelista.

Se non aparecen atrancos burocráticos de última hora, as dúas últimas incorporacións laranxas, o ala-pivote brasileiro Bebeto e o ala-peche madrileño Víctor López, xa estarán á disposición de Quique García para esta cita, xunto a Christian, totalmente recuperado da lesión de xeonllo. Os xienenses tamén apostaron polos reforzos de inverno dende a Primeira División, coa chegada de Lolo Jarque e Emilio Buendía dende o Marfil Santa Coloma. “Tiñan unha boa base de xogadores, ficharon ben a principios de tempada e conseguiron formar un cadro equilibrado, ao que agora tamén chegan caras novas. O aspecto máis importante que vexo é que Dani Rodríguez conseguiu un conxunto que xoga en equipo, iso é fundamental nesta categoría” afirmou Quique García.

O Burela FS terá que plantarse ante un rival forte na súa pista, onde tan só o Gasifred Eivissa foi capaz de impoñerse (2-5), na décimo terceira xornada. Ambas as escuadras perseguirán o revulsivo esta fin de semana, despois de dicirlle adeus a 2011 encadeando tres encontros sen puntuar.

Próxima xornada. O cadro mariñán comezará a segunda volta o 14 de xaneiro lonxe de Vista Alegre, na cancha de ElPozo Ciudad de Murcia (17.30 horas).

Exit mobile version