Site icon Crónica3.com A Mariña

Emprego na Mariña

EMPREGO NA MARIÑA

No porto de Burela acometéronse moitas obras importantes nos últimos tempos, sendo a que máis destaca o aumento do peirao, que permitiu pasar de atraques de tres mil toneladas a atraques de oito mil toneladas, abríndose unha oportunidade extraordinaria para o desenvolvemento dun porto comercial  que complementa en positivo ó porto pesqueiro que xa viña sendo un referente no litoral cantábrico.

Esta obra no porto, que beneficia  moito as posibilidades económicas e sociais  de Burela, foi inspirada e solicitada, entre outros, pola empresa ECESA, que realiza a súa actividade no noso concello. Querían contar con maiores posibilidades de atraque para poder atender con garantías os pedidos que viñan do exterior, sobre todo de Noruega, e desta maneira contribuír a consolidar a empresa e mellorar as posibilidades de produción e emprego.

Tiñan un proxecto de modernización con tecnoloxía punteira para unha nova planta de transformación ó pe das minas, o que contribuiría por un lado, a mellorar a  produción, e, por outro, a un menor gasto medio ambiental. En Burela ganaríamos espazo, silencio e posibilidades de crear oportunidades urbanísticas, comerciais e recreativas.

É triste a situación actual de ECESA, que vive uns momentos que nos preocupan a todos, derivados dunhas circunstancias que a están levando a un futuro incerto.
Unha empresa tan vinculada a Burela, que leva tantos anos formando parte da paisaxe deste concello (é protagonista en todas as fotos antigas), que empregou e emprega a  moita xente, e que popularizou o emprego do caolín, non pode sentir ameazado o seu futuro.

Sendo a crise financeira o principal pretexto, vemos como moitas empresas do tecido comercial industrial da Mariña están presentando ERES,  pechando definitivamente, ou reducindo considerablemente actividade e persoal. Como si dun fenómeno natural se tratara, somos testemuñas pasivas dunha desintegración do noso patrimonio produtivo (Gres Burela, Construcións Mon, Mobles Hermida, Ecar, Ecesa….) sen que asome, nin de lonxe, unha solución que equilibre esta situación.

A defensa dos postos de traballo e empresas é responsabilidade colectiva, é de todos. Hai que implicarse, de maneira positiva, en manter as condicións de funcionamento dos centros de traballo. A responsabilidade colectiva é, tamén, beneficio colectivo.
Pero a responsabilidade directa hai que buscala e esixila nos directivos e xestores que deben aplicar todas as súas dotes para evitar desmantelamentos e peches, demostrando capacidade e recursos para dispersar fraquezas e egoísmos.

A administración, que está concentrada en aplicar recortes, mermar servizos e subir impostos, pouco está a facer para garantir a supervivencia  das empresas con problemas. É curioso que, cando todos os expertos en sociedades e economías, opinan que as políticas de recortes, despidos, apertón ós contribuíntes e rebaixas sociais non se deben aplicar en tempos de recesión, as administracións (Xunta, Goberno) fagan todo o contrario. É responsabilidade das institucións aportar solucións, mediar, demostrar recursos, defender a base social e económica do País e non escudarse constantemente na cansiña crise financeira.

O conxunto das empresas da comarca da Mariña non só crean emprego e riqueza coa súa actividade, Tamén contribúen ó desenvolvemento global, como é o caso de ECESA.
Hai que esixir e esixirnos para non perder o que tanto costa gañar. A solidariedade xera confianza.A confianza, futuro.

Alfredo Llano García

Exit mobile version