Site icon Crónica3.com A Mariña

En Burela, nos últimos sete meses de goberno do PP, non se consumou ningunha acción para estimular o crecemento social e económico, asegura o PSOE

Nota de prensa

LUCES E SOMBRAS

Burela sempre foi un referente na Mariña como exemplo de crecemento económico e social. Este crecemento maniféstase no aumento da poboación que ven a ser constante dende hai anos. A actividade portuaria, comercial, industrial e de servizos, xunto co carácter traballador e emprendedor dos veciños, propiciaron unha Burela de futuro onde conviven en harmonía case dez mil habitantes, que procedentes dos catro puntos cardinais, elixiron esta vila para desenvolver o seu proxecto de vida.

A Burela, como a todos os lados, foron chegando os efectos negativos da crise. Moitas empresas están sendo vítimas deste dragón depredador que, de momento, parece insaciable. Empregados de todos os sectores teñen preocupación pola estabilidade laboral no futuro.

É responsabilidade dos políticos crear situacións favorables para manter a actividade produtiva e tratar de conservar ou incrementar os postos de traballo.

En Burela nos últimos sete meses de goberno municipal popular non se consumou ningunha acción que servira para estimular o crecemento social e económico. O acceso ó Porto está varado, a limpeza do encoro de Rúa segue esperando, non se ampliou a gardería, seguimos sen prazas concertadas no centro de día, o hospital pide auxilio, o comercio foi desatendido no Nadal, o sector turístico queda sen ISO 14001 nas praias, etc. Tampouco se nota implicación na defensa das empresas de Burela con problemas.

O pasado día 26 celebramos un pleno ordinario con tres puntos que suxeitaban malamente á orde do día. Tres puntos sen transcendencia que servían só para xustificar a convocatoria, o que ven a demostrar a pouca iniciativa política dos responsables do Concello.

O PSdeG-PSOE presentou unha moción que instaba ao equipo de goberno a tomar en consideración varias propostas para mellorar servizos en educación, emprego e seguridade. Concretamente a nosa proposta consistía en variar o orzamento reducindo dedicacións exclusivas e dietas, non convocar dúas prazas de auxiliares administrativos, e aproveitar a ampliación de prazos na devolución de ingresos excesivos. De aplicarse, conseguiríase un aforro de 141.000 euros que suxeríamos que se aplicasen en crear postos de traballo para veciños no paro, recuperar a subvención para as Escolas Deportivas e gañar seguridade nocturna aplicando alumeado público. O equipo de goberno respondeu cunha emenda onde se ratificaba na súa política de nulo compromiso político coa cidadanía de Burela e facendo caso omiso das nosas propostas.

A única iniciativa importante do goberno popular é negativa para o conxunto dos veciños, e consiste na subida de impostos e taxas que se van a aplicar este ano. Tamén destaca o cobro polo emprego de locais municipais e sobre todo a cobranza polo uso das instalacións deportivas. Estas medidas adórnanse coa retirada da subvención ás Escolas Deportivas.

O señor alcalde trata de disimular os malos resultados da súa xestión, facendo labores de oposición e contándolles verdades a medias ou mal intencionadas ós veciños. Así repite, unha e outra vez, de forma cansiña, que o anterior goberno deixou un oco de oitocentos mil euros que tiña previsto recadar e que ao final non se logrou.
É certo que nosoutros tíñamos unha previsión de ingresos, que baseados en expectativas de recadación e na xestión para atopar recursos, contábamos acadar, pero non tivemos tempo ao deixar de gobernar en xuño. O que tiña que facer o señor Barcia era modificar os orzamentos e adaptalos as súas expectativas, ou dedicarse a xestionar recursos para non ter problemas, como fixemos nosoutros cando chegamos ao Concello. Curioso é, tamén, que eles fagan para este ano un orzamento similar ó noso quedando demostrado, por esta razón, a inconsistencia das súas afirmacións.

As noticias mal intencionadas forman parte da estratexia política do alcalde, por exemplo, cando afirma que no mes de xuño había unha débeda de dous millóns de euros e non informa que había expectativas de ingresos para facerlle fronte, sempre con traballo por diante.
Os ataques persoais, o culpar sistematicamente á oposición do divino e do humano, amosan unha cobardía política propia de aquel que se ve incapaz de resolver problemas e xerar confianza ós veciños.

Na pasada lexislatura o equipo de goberno esforzouse en facer as cousas pensando sempre no interés xeral, procurando manter as condicións de crecemento global de Burela. A xestión fíxose transparente, responsable, participativa e honrada. Sen xustificar as nosas faltas culpando ós demais.

Colocamos paneis fotovoltaicos e fototérmicos para aplicar medidas de aforro enerxético. Colocamos luminarias de baixo consumo para aforro económico e tratamos de iluminar de maneira diferente un concello exemplar colocando modernos postes con luz en moitas rúas.

Luz que outros apagan.

Burela debe seguir mantendo a súa condición de modelo social e económico. Nosoutros ofrecemos a nosa colaboración pero a iniciativa e responsabilidade do equipo de goberno ten que aflorar xa.

Exit mobile version