Site icon Crónica3.com A Mariña

Lourenzá tamén é España

Lourenzá tamén é España

Estes días son moitas as voces que se expresan en torno a un drama persoal como é a perda do traballo. Na miña opinión é un erro facelo desde unha perspectiva partidista. Máis en todo caso cómpre non ficar calados e achegar unha serie de reflexións.

Muebles Hermida é un referente na Mariña Central, o vivo exemplo de empresa familiar que durante anos foi, e segue a selo hoxe un dos grandes alicerces de emprego na Mariña Central.

Na nosa comarca as consecuencias da crise económica chegaron máis tarde, pero tamén nos están a afectar. As empresas de Lourenzá, ao igual cás do resto da Mariña tamén se ven prexudicadas polas nefastas políticas levadas adiante polo Goberno Central cuxa consecuencia directa é que o noso pais afondara máis na actual crise económica que se está a sufrir. Crise que nin foi exclusivamente planetaria nin financeira como nos fixeron crer, posto que, partindo do mesmo escenario, uns países levaron adiante políticas que os encamiñan na senda do crecemento e outros en cambio ao borde da ruína.

Ao meu parecer non se tomaron medidas que reactivaran a económica, é dicir, non se creou emprego e desta forma non se freou a caída do consumo. Si non se consume, non se vende, e se non se vende non se pode fabricar, e se non se pode fabricar non fan falla obreiros e aquí nos atopamos ante a problemática que están a sufrir as empresas da nosa comarca. Non hai feitos illados, nin coincidencias, estamos nun mercado global e o que afecta ao conxunto de España, tamén afecta a un concello do Norte de Lugo con pouco máis de 2400 habitantes.

E así nos atopamos en Lourenzá, onde uns e outros políticos andan a sacar tallada a conta dun drama que desgraciadamente está a acontecer en cada unha das comarcas do territorio español. É inxusto, lamentable, patético, groseiro e mesmo de pouca clase política, e sobre todo humana, utilizar a 75 familias, que ante a desesperación da perda dun ben prezado como é o traballo se agarran a calquera esperanza aínda que esta sexa envelenada para embarrar o terreo político.

De político a político, quixera facer un chamamento: Deixen xa de manipular e xogar coa dor tanto das 75 persoas que a día de hoxe xa están no paro, como coa continuidade dos 119 postos de traballo que tan necesarios son en Lourenzá e na Comarca.

María Emma Alvarez Chao
Deputada Autonómica e Concelleira en Lourenzá

Exit mobile version