Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela anuncia dende Madrid que pode que o catering da Volta a España en Lugo inclúa peixe de Burela

Nota de prensa

BURELA E O SEU PEIXE PODERÍAN ESTAR PRESENTES NA VOLTA CICLISTA A ESPAÑA 2012, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR O ALCALDE.

Burela, 19 de xaneiro de 2012. Burela e o seu peixe poderían estar presentes na volta ciclista a España deste 2012, segundo anunciaba este mediodía desde Madrid o alcalde, José María González Barcia. Xa se iniciaron os contactos para que o peixe que capturan os barcos do porto burelés formen parte do cátering que se lle servirá á organización deste evento deportivo durante os días de estancia na provincia de Lugo.

O rexedor relataba que “Burela podería estar presente na volta ciclista a España que se vai celebrar nos meses de agosto e setembro. Partindo de Pamplona terá unha etapa na provincia de Lugo entre Palas de Rei e Os Ancares e rematará aquí en Madrid e o noso concello estará presente neste evento deportivo a través do peixe de Burela”.

González Barcia explicou que “esta mañá mantivemos unha xuntanza coa dirección da Asociación de Hostalería da provincia de Lugo, que á súa vez mantivo un encontro coa organización da volta ciclista a España, para que o peixe de Burela, ben como marca ou con produtos específicos coma a pescada ou o bonito, estea presente nas etapas que discorren por Lugo”. O alcalde de Burela subliñou que “o que se pretende desde a Asociación de Hostalería é vender a marca E para comer Lugo durante eses días. Habería entón unha subministración dos distintos produtos que podemos ter na provincia de Lugo para o cátering da organización da volta ciclista a España”.

A iniciativa está dando os seus primeiros pasos e José María González Barcia considera que “paga a pena facer un esforzo. Nós xa contactamos agora pola mañá tanto coa Confraría de Pescadores como con Armadores de Burela para plantexarlles esta posibilidade e seguramente nos vindeiros días teremos unha reunión con eles para perfilar o tema, sempre coas debidas cautelas e reservas porque xa sabemos que unha organización como volta ciclista a España se vai a aquelo que considera máis rentable económicamente e que lle pode dar maior soporte publicitario. Será un paso importante para que Burela, a provincia de Lugo e a Mariña estean presentes na edición deste 2012 deste evento deportivo”.

Exit mobile version