Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela xustifica no bipartito a dificultade para conseguir un parque eólico en Burela

Nota de prensa:

O EQUIPO DE GOBERNO LOITARÁ POR CONSEGUIR UN PARQUE EÓLICO SINGULAR EN BURELA. GONZÁLEZ BARCIA DI QUE A SITUACIÓN É MOI COMPLICADA PORQUE O PROXECTO TRAMITADO NA XUNTA NO 2006 FOI APARCADO DURANTE ANOS POLO BIPARTITO NO CONCELLO.

Burela, 12 de xaneiro de 2012. O equipo de goberno loitará para conseguir un parque eólico singular en Burela, aínda que a situación é moi complicada, segundo o alcalde, José María González Barcia. O rexedor mantivo un encontro en Santiago co director do Instituto Enerxético de Galicia para coñecer as posibilidades reais que ten Burela de levar adiante un proxecto que foi tramitado diante da Xunta no 2006 e que o bipartito tivo aparcado durante os últimos anos.

González Barcia relatou que “esta mañá estivemos no Instituto Enerxético de Galicia falando co seu director para coñecer as posibilidades reais que podemos ter de cara a conseguir un parque eólico singular. As cousas non están nada fáciles, esto xa o viñemos anunciando e a situación creada é a que é”.

O alcalde burelés indicou que “nos últimos catro anos, do 2008 ao 2010, se enviaron desde este organismo requerimentos ao Concello de Burela para completar a documentación sobre o proxecto presentado no seu día e a resposta do bipartito foi cero. E agora nos atopamos cun problema moi serio, estamos fora de prazo para completar esa documentación, aínda que desde que nós chegamos de novo ao goberno municipal se lle enviou ao INEGA o punto de evacuación da enerxía eléctrica que se pensaba producir no parque eólico singular, que tería 3 megavatios de potencia”.

José María González Barcia lembrou que “o acordo inicial de posta en marcha dun parque eólico singular foi adoptado en marzo de 2004 e no 2006, nos dous casos con gobernos do PP, se tramitou o proxecto diante da Xunta e despois desde o 2008 ao 2010 a Xunta requeriu ao Concello de Burela para solicitarlle documentación, pero non lle foi remitida ao INEGA e agora estamos como estamos”.

Para o rexedor burelés a non consecución do parque eólico singular “significa unha non reducción do importe da factura da enerxía eléctrica que consume o Concello de Burela e tamén unha posible perda dos fondos económicos, que poderían vir ano tras ano para o noso Concello durante aproximadamente 40 anos. Cadaquen que saque as súas propias conclusións, pero nós non nos consideramos responsables desta situación”. O equipo de goberno loitará todo o que poida para sacar este asunto adiante, “aínda que sabemos que é enormemente complicado. Só temos un 1% de posibilidades de conseguilo, pero nós non xeneramos esta situación. Estamos a falar dun proxecto que puxemos en marcha porque o considerábamos importante para Burela, que estivo aparcado durante anos e agora os que pagaremos a falla de xestión do bipartito burelés seremos o conxunto de cidadáns deste concello”.

Fundación Expomar

En Santiago o alcalde de Burela tamén se reuniu con responsables da Consellería de Mar, “tendo en conta a situación económica pola que está a atravesar a Fundación Expomar e que este ano se desenvolverán unha serie de actividades”. González Barcia considera que “é moi probable que dentro dunhas semanas se lle faga chegar á conselleira a documentación referente á programación de actividades para este ano. E dentro da situación de crise económica que estamos a vivir, e que non hai que esquecer, imos ver qué cartos podemos conseguir da Consellería de Mar ou qué tipo de colaboración, porque ao mellor non é en sí mesmo unha colaboración económica, senón que pasaría poroutras vías”.

O alcalde burelés engadiu que “este asunto non está mal encamiñado ao igual que tampouco está malencamiñada a solución aos problemas de pagos, que parece ser que existen, da empresa Pedrasalgada ás súas traballadoras. Hoxe reunímonos en Santiago e nos vindeiros días é posible que se produza unha maior aproximación entre empresa e Concello”. Barcia dixo que “nós entendemos que a propia empresa está a ser bastante receptiva aos nosos plantexamentos. A preocupación común son as traballadoras e poido decir que tanto por parte do Concello como por parte da empresa estamos achegando posturas para buscar unha solución nun prazo o máis curto posible, aínda que non me comprometo a poñer datas concretas, para que estes problemas se solucionen canto antes”.

Exit mobile version