Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela xustifica que “a Fitur tamén se vai a coñecer novas experiencias”

Nota de prensa

GONZÁLEZ BARCIA FAI UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA DA PARTICIPACIÓN DE BURELA EN FITUR. O REXEDOR DESTACOU OS CONTACTOS REALIZADOS E TAMÉN O INTERCAMBIO DE EXPERIENCIAS CON OUTRAS COMARCAS GALEGAS.

Burela, 20 de xaneiro de 2012. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, fai unha valoración moi positiva da participación de Burela na Feira Internacional de Turismo que se celebra estes días en Madrid.

O rexedor dixo que “ademáis dos contactos realizados nestas xornadas feitos para, por exemplo, introducir peixe de Burela dentro do cátering da volta ciclista a España, a Fitur tamén se vai a coñecer novas experiencias”. González Barcia sinalou que “onte quedei sorprendido da presentación que realizaron os alcaldes de Arousa Norte sobre a accesibilidade á súa páxina web turística para persoas discapacitadas. É unha idea novidosa que consegue dous obxectivos, a integración dos propios discapacitados e a potenciación e a rentabilización dos recursos turísticos da zona. Nós imos ver o que podemos facer nese sentido”.

O alcalde burelés asegurou que “alí tamén puidemos comprobar cómo colectivos da Costa da Morte, aproveitando nasas, fixeron un stand realmente bonito e interesante para promocionarse en Fitur”. González Barcia aproveitou a súa estancia en Madrid “para facer contactos con representantes de Expourense. Xantar se celebrará o primeiro fin de semana de febreiro e estamos a negociar con eles a posible presencia de Burela nesa feira. A nosa xa é unha presencia emblemática desde hai anos, pero na situación actual de conxuntura económica ao mellor non podemos estar presentes en todos os eventos que quixésemos”.

José María González Barcia engadiu que “a valoración tamén é positiva porque se están a dar pasos desde a Mancomunidade de Municipios de A Mariña, haberá que afondar nalgunhas cuestións e correxir outras, pero A Mariña lucense como destino vende. E despois cada concello ten que aproveitar os seus propios recursos”.

O rexedor de Burela anunciou que “nos vindeiros días convocaremos ás empresas máis representativas de Burela para planificar actuacións conxuntas e despois integrarnos dentro do proxecto da Mariña lucense. Así poderemos sacarlle máis rendemento ao traballo que se está a facer desde a propia administración pública e por parte dalgunhas entidades privadas, que tamén están en Madrid estes días, para aunar esforzos”.

Exit mobile version