Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo non respecta a lei de contratos cando realiza obras maiores das previstas nos proxectos, asegura o PSOE

Nota de prensa

VILLARES NON RESPETA A LEI DE CONTRATOS CANDO REALIZA OBRAS A MAIORES DAS PREVISTAS NOS PROXECTOS SEN NINGÚN TRÁMITE

-A normativa atende a imprevistos que poidan xurdir ó realizar os traballos, pero “os imprevistos de Villares chegan a alcanzar os 21.500 euros, non son máis ca obras que se fan pola porta de atrás sen modificar o contrato”

-Os socialistas esixen que ésta non sexa a maneira habitual de actuar e din que “Villares demostra as poucas ganas que ten de traballar cando cun sinxelo trámite administrativo obtería os requisitos da lexislación vixente”

CERVO, 25 DE XANEIRO. A Agrupación Socialista de Cervo denuncia a mala xestión do alcalde, Alfonso Villares, á hora da contratación e realización de obras e servicios para o Concello. “Son varios os reparos efectuados pola Intervención Municipal por non respetar como debera os trámites da Lei de Contratos do Sector Público”.

O señor Villares resolve o problema levantando os reparos da interventora sen máis preocupación pero “non se dá conta que isto afecta, e moito, ás contas e presupostos municipais. Non queremos falar de ilegalidade pero sí de irregularidade na súa maneira de traballar”.

Os socialistas aseguran que “é verdade que a Lei atende á modificación de contratos en caso de imprevistos, pero comprobamos que os imprevistos de Villares poden alcanzar os 6.000 euros, os 19.500 euros ou incluso os 21.500 euros. Non se pode consentir que este señor adxudique obras a unha empresa por un importe concreto e que a esa cantidade se sumen cifras coma estas. Parece que é a tónica habitual de actuar, nunca se fai o contemplado nos proxectos e sempre acaba facendo obras pola porta de atrás. Non é que xurda un problema co que non se contaba e teña que asumir un gasto maior, senón que en varias ocasións, o alcalde aproveita que está cunha obra para facer algún arranxo máis, que non preveu no contrato. Isto demostra unha mala previsión de gastos e unha nefasta xestión económica dos cartos de todos os veciños pola súa parte.”

Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo destacan que, a pesares desta penosa xestión do alcalde, “o Concello debe pagar as facturas ás empresas adxudicatarias das obras xa que non teñen culpa das irregularidades do rexedor. Asimesmo, esiximos responsabilidades a quen deu orden de efectuar os traballos a maiores, sen respetala lei”.

Non se entende esta maneira de actuar de Villares, se “tan só con tramitar o oportuno expediente de modificado das obras xa obtería tódolos requisitos establecidos pola normativa vixente. Tan só con este sinxelo trámite administrativo que non se prolonga no tempo, todo estaría baixo a lei e incluso se efectuaría antes o pago ás empresas, pois aforraríamos o tempo que perdemos co informe de reparo e co posterior levantamento do mesmo”.

Neste senso, dende o GMS subliñan que “o señor Villares se salta por completo, día sí e día tamén, todo o procedemento da Lei de Contratos do Sector Público. Se a Intervención Municipal lle pon varios reparos, será que o alcalde actúa con certas irregularidades porque se non, non habería tal”.

Esiximos que o señor Villares “actúe sempre consonte a lei e que non faga deste tipo de maniobras a súa maneira habitual de actuar á hora de contratar e efectuar as obras municipais. Con isto, o único que consegue é poñer de manifesto a súa inoperancia e as poucas ganas que ten de traballar polo noso concello.”

Exit mobile version