Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña presentará mocións nos concellos para retirar o título de fillo adoptivo a figura de Manuel Fraga

Nota de prensa

O BNG DA MARIÑA PRESENTARÁ MOCIÓNS NOS CONCELLOS SOLICITANDO QUE SE LLE RETIRE O TÍTULO DE FILLO ADOPTIVO A MANUEL FRAGA

Antonio Veiga, “trátase dunha decisión tomada na época do Franquismo, e que hoxe en día, tendo en conta que se vive nunha situación de democracia política, carece de sentido que prevaleza un título deste tipo outorgado nunha época protagonizada por unha ditadura”

Foz, 20 de xaneiro de 2012. O Bloque Nacionalista Galego da Mariña presentará mocións nos distintos concellos para retirar o título de fillo adoptivo que recae na figura de Manuel Fraga. O que fora presidente da Xunta de Galiza, foi nomeado como tal no 1964. Os nacionalistas mariñáns esixen a aprobación desta moción respecto a este asunto, xa que, segundo afirmou o responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, “trátase dunha decisión tomada na época do Franquismo, e que hoxe en día, tendo en conta que se vive nunha situación de democracia política, carece de sentido que prevaleza un título deste tipo outorgado nunha época protagonizada por unha ditadura”.

A orixe deste nomeamento remóntase a unha acta dunha sesión extraordinaria do concello de Cervo presidida por Arcadio Pardiñas, que recolle a aprobación do Regulamento de Honras e Distincións. Esta distinción outorgada por Cervo á figura de Fraga coincide cos acordos adoptados por outras cinco corporacións municipais da Mariña: Ribadeo, Barreiros, Foz, Xove, Viveiro e O Vicedo; polo que finalmente se entregou conxuntamente o título, nomeando a Fraga fillo adoptivo da Mariña Lucense.

Coa presentación destas mocións o BNG da Mariña pretende modificar o Regulamento de Honras que rexe o proceso de concesións destes títulos, xa que establece como requisito que a aprobación destas mencións debe producirse por unanimidade da corporación pertinente, o que de facto provoca que a abstención do Partido Popular provoque que malia haber acordo por maioría das outras forzas políticas, a retirada non se poida realizar pola esixencia da unanimidade.

Exit mobile version