Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz cualifica o informe de viabilidade da residencia de tomadura de pelo

Nota de prena

O BNG DE FOZ CUALIFICA O INFORME DE VIABILIDADE DA RESIDENCIA DE TOMADURA DE PELO

“O importante é saber cando estará feita”, declara Basanta

Foz, a 13 de xaneiro de 2012.- O BNG de Foz cualifica o informe presentado pola Xunta sobre una futura Residencia e Centro de Día en Foz como unha tomadura de pelo aos veciños e veciñas de Foz.

Un informe que non di nada novo e que obedece a unha manobra política

O informe denominado “Informe Urbanístico e Viabilidade de Parcela” non é máis que a un informe de dous folios sobre aspectos técnicos e urbanísticos da parcela cedida ao Concello polo Padroado do Asilo para a construción da Residencia, aspectos que todo o mundo xa sabe. O que nos parece unha indecencia é que este mini-informe se faga a través dunha consultora externa, cun custe que descoñecemos. “Non sabemos o que custou isto a todos os galegos e galegas pero o contido deste informe podería estar feito tanto polos técnicos do Concello de Foz como pola propia unidade técnica de obras e proxectos do Consorcio da Xunta. Para nós é un gasto do que se podía prescindir”. O BNG está convencido de que este informe obedece máis a unha manobra política de certa urxencia para saír do paso que a unha clara intención de levala a cabo.

Poucas prazas para as necesidades de Foz

A única novidade que transmite o informe refírese á capacidade da infraestrutura que se concreta en corenta prazas para Centro de Día e outras corenta para residentes pero en ningún caso se xustifica cales son as razóns para limitar a capacidade a ese número as prazas. Hai que dicir que a Corporación Municipal por unanimidade (PP, PSOE e BNG) acordará solicitar á Xunta unha Residencia para cen persoas e un Centro de Día con capacidade para cincuenta. Polo tanto, a proposta da Xunta quédase moi por debaixo dos intereses do Concello de Foz, sen dar razón de tal decisión. “Estou seguro de que coa xente de Foz que está noutras residencias da Mariña practicamente se cubrirían todas as prazas que a Xunta propón”, afirma Basanta.

Nada sobre prazos de execución nin de orzamentos

Por outro lado, nada di o informe sobre prazos de execución nin orzamentos dispoñibles e para o BNG como para a gran maioría dos veciños de Foz iso sería o máis importante, saber cando se comezará e rematará a obra e con que cartos se vai a facer. O resto é marear a perdiz e gañas de alongar no tempo a construción desta obra social fundamental para Foz. Para o BNG, se realmente a Xunta do PP tivera unha mínima vontade de facer o Centro Residencial de Día en Foz a obra estaría reflectida nos Orzamentos deste ano, cousa que non ocorre. “Algún deputado do PP estaría mellor calado cando fala da Residencia de Foz pois votou en contra de incluír unha partida para esta obra nos Orzamentos da Xunta para 2012”, afirma Basanta.

Exit mobile version