Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz manifestase en contra da supresión das gardas de farmacia aprobada polo PP na Xunta

Nota de prensa

O BNG DE FOZ MANIFESTASE EN CONTRA DA SUPRESIÓN DAS GARDAS DE FARMACIA APROBADA POLO PP NA XUNTA E QUE LLE AFECTA A FOZ
Foz, 20 de xaneiro de 2012.- O BNG de Foz vai a presentar unha moción no próximo pleno en contra dunha modificación da Lei de Ordenación Farmacéutica -aprobada cos únicos votos do PP no Parlamento- que permite eliminar as gardas nocturnas das oficinas de farmacia en determinadas circunstancias; entre outras, cando non existe un Punto de Atención Continuada (PAC) no concello ao que dá servizo a Farmacia. Neste caso se atopa o Concello de Foz pois carece –grazas ao PP tamén- dun Punto de Atención Continuada como teñen outros concellos da Mariña como Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo ou Burela.

Os únicos argumentos do Goberno galego para este recorte sanitario son económicos e teñen que ver con garantir un nivel de beneficios que baixou coa posta en marcha de medidas de redución do gasto farmacéutico. De xeito que, con este medida para paliar o recorte do gasto farmacéutico no que atinxe ás farmacias, aféctase ao servizo que se lle presta á poboación. No caso de Foz, sempre houbo unha farmacia de garda pola noite. Con esta nova normativa, Foz pode deixar de ter este servizo nocturno das farmacias –de forma parcial ou total- coas graves consecuencias para os focegos que isto traería pois as farmacias non se limitan a dispensar unha prescrición médica senón que ademais informan e aconsellan á persoa que adquire a medicación. Unha función especialmente importante cando non se pode acceder a un servizo médico. A garda nocturna de farmacia nun concello onde non hai PAC pode solucionar unha urxencia menor ou aconsellar unha derivación adecuada, evitando a demanda de recursos especializados cando non son necesarios ou a automedicación.

A realidade da posta en marcha desta medida constata que unha vez máis o Goberno galego do PP non asume a obriga de garantir á poboación galega uns dereitos, neste caso sanitarios, iguais e independentemente do lugar de residencia. Así estase a producir a eliminación de gardas nocturnas de farmacia en numerosos concellos galegos nada máis entrar en vigor a modificación o 1 de xaneiro de 2012. Este peche, alén de supoñer un trato inxusto e desigual para as persoas que residen nos concellos afectados –como é o caso do de Foz-, provocará un maior acceso a servizos de urxencias para atender problemas que se resolvían nas farmacias que agora pechan. Non supón por tanto nin mellor atención ás persoas afectadas nin tampouco un aforro para as arcas públicas, só unha cesión aos empresarios das oficinas de farmacia a cambio de nada.

O que nos sorprende, unha vez máis, é a pouca ou nula preocupación por parte do Alcalde de Foz e do seu grupo de goberno que, pese a que o noso concello pode verse afectado gravemente por esta medida, non abre a boca, acatando sen rechistar as ordes da Xunta en vez de manifestar o seu desacordo. Unha vez máis, Foz vai a saír moi prexudicado pola acción de goberno do PP na Xunta polo que o BNG quere deixar claro que non acepta e rexeita esta medida solicitando na súa moción instar á Xunta de Galiza a que utilice as súas competencias para que na reorganización que se realice das gardas nocturnas das Oficinas de Farmacia se garanta o servizo en todos os concellos galegos e particularmente no Concello de Foz.

Exit mobile version