Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Muras di que non hai parques nin xardíns, polo tanto non entende a nova dedicación exclusiva ao tenente de alcalde

Nota de prensa

MURAS

O BNG denuncia que en Muras non hai parques nin xardíns, polo tanto non entende a nova dedicación exclusiva ao Tenente de Alcalde.

Propoñen aforrar 72.000 euros anuais en dedicacións exclusivas para dedicalo a política social.

Muras, 10 de xaneiro de 2012. Dende o BNG de Muras denunciase, logo de terse aprobada a dedicación exclusiva do Tenente de Alcalde no último pleno e que ven a sumarse á dedicación exclusiva do Alcalde o Sr. Issam Alnagm Azzam e do concelleiro encargado de Gandeiria e Agricultura, o mal uso que se fai do diñeiro público nun Concello de 766 habitantes censados e moitos menos residentes, cuxo último orzamento foi aprobado recentemente en 2.500.000 euros. O BNG considera un despropósito o gasto en dedicacións exclusivas que ascende a 99.800 euros brutos, gastos de seguridade social e dietas aparte. Os nacionalistas propoñen a eliminación do exceso de gasto do grupo de goberno para dedicar o aforro a servizos sociais.

Propoñen aforrar 72.000 euros anuais en dedicacións exclusivas para dedicalo a política social

Os nacionalistas propoñen, tendo en conta o contexto socio económico do concello e as carencias en política social “que se retiren as dúas dedicacións exclusivas; a do tenente de Alcalde e a do Responsable de Agricultura e Gandeiría, reducindo á metade a dedicación exclusiva do Alcalde , o que suporía un aforro de 72.000 euros anuais que debería dedicarse a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar  que se atopa desbordado e non dá cuberto tódalas demandas nun Concello tan envellecido como é o de Muras impulsando ademais un Servizo de Comida no Fogar para todas aquelas persoas dependentes que o precisen.”

O BNG de Muras denuncia que nos orzamentos municipais recóllese a contratación temporal dun xardineiro e agora apróbase a dedicación exclusiva como responsable de xardíns, instalacións deportivas e tesourería do Tenente de Alcalde, isto é visto polo BNG de Muras como unha tomadura de pelo pois no Concello non hai nin un só parque nin xardín, o de instalacións deportivas e un eufemismo, só hai un campo de fútbol ao que non se lle dá uso e entendemos que dedicación exclusiva por ser Tenente de Alcalde e tesoureiro é un exceso.

O alcalde trata de apagar con dedicacións exclusivas divisións dentro do grupo de goberno motivadas polo escuro proxecto da aldea etnográfica.

Dende o BNG local non entenden o continuo goteo de novas dedicacións exclusivas no concello, que critican con dureza, a non ser que o alcalde trate de apagar lumes internos dentro do seu grupo, “entendemos que isto ten que deberse ao pago de favores senón non ten explicación posíbel”. Os nacionalistas de Muras argumentan que “o alcalde trata de tapar disensións internas no grupo de goberno motivadas polas dúbidas sobre a legalidade do proxecto para a creación dunha aldea etnográfica no lugar de Carelle onde de momento a persoa mais beneficiada é o propio alcalde que vendeu ao concello do que é alcalde 109 fincas e seis inmobles das súa propiedade.”

En Muras hai necesidades moito mais urxentes que amañar que os problemas internos do PP

Con estas tres dedicacións exclusivas o Concello de Muras pasa a estar case á altura de calquera Concello  ou  capital galega de tamaño medio en canto ao número de dedicacións exclusivas, entendemos que é un insulto á intelixencia que se aproben dedicacións coma esta, cando existen outro tipo de necesidades sen cubrir no Concello e ante as cales a Alcaldía ou non fai nada ou mira cara outro lado. Os nacionalistas apuntan na “carencia de servizos sociais básicos para atender persoas en situación de dependencia ou casos de precariedade económica motivados pola actual crise económica.”

Dende o BNG Muras faise unha vez máis un chamamento á cordura ao Sr. Issam Alnagm Azzam para que rectifique na súa decisión de levar adiante as 3 dedicacións exclusivas, e dinlle que non todo é enriquecerse senón que hai que mirar polo servizo ás/ós veciñas/os.

Exit mobile version