Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda que se garanta a continuidade da Xefatura do Mar e que se sigan a prestar en Celeiro os servizos actuais

Nota de prensa

O BNG DEMANDA QUE SE GARANTA A CONTINUIDADE DA XEFATURA DO MAR E QUE SE SIGAN A PRESTAR EN CELEIRO OS SERVIZOS ACTUAIS

A supresión da Xefatura do Mar é a gota que colma o vaso no proceso de desmantelamento de servizos na comarca

Os nacionalistas consideran a decisión do PP coma unha nova volta de torca no proceso de centralización e marxinación da Mariña e do seu sector pesqueiro

Viveiro, 25 de xaneiro de 2012. Representantes do Bloque Nacionalista Galego compareceron hoxe no local da organización en Viveiro para dar conta da posición dos nacionalistas sobre a supresión da Xefatura do Mar e o traslado da mesma a Lugo así como das propostas que van a plantexar diante das diferentes administración e tamén no plano social a fin de garantir que o referido servizo se siga a prestar na comarca da Mariña.

Na comparecencia pública na que participaron Xosé Antón Goás Basanta, responsable local do BNG de Viveiro, Bernardo Fraga Galdo, tenente de alcalde de Viveiro e Concelleiro do Mar, e o responsable comarcal do BNG e Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, destacaron que “a decisión adoptada como consecuencia da nova estrutura da Xunta de Galiza que unifica a Consellería do Medio Rural e do Mar significa de facto volver vintecinco anos atrás, na medida en que o servizo que se viña a prestar en Viveiro vaise prestar directamente en Lugo. Alén de que significa a antítese do que ten que ser unha administración no sentido de que alonxa o servizo dos administrados, neste caso do sector pesqueiro, tamén avanza no desmantelamento de servizos que se veñen dando na Mariña nos últimos anos, isto é, estamos nas mesmas que o acontecido coa supresión do Xulgado Social ou co desmantelamento do Hospital da Costa e o traslado de servizos do mesmo ó novo Hospital de Lugo”.

O tenente de alcalde de Viveiro, Bernardo Fraga, indicou que “pasar a convertir a Xefatura do Mar de Celeiro nunha sucursal de segunda división respecto do servizo que se vai a prestar en Lugo é o primeiro paso para desmantelar o centro de traballo de Celeiro coas consecuencias que no plano económico vai ter para o conxunto da Mariña posto que os trámites que se viñan realizando a día de hoxe no que todos coñecemos como a Delegación de Pesca vanse ter que prestar en Lugo co problema que isto lle xenera ó conxunto do sector pesqueiro da Mariña”. “Que eu saiba, a única área do territorio da provincia onde hai mariñeiros e na Mariña”, ironizou Fraga, que lembrou tamén “as graves consecuencias que esta decisión vai ter en termos de emprego para o conxunto da zona, na perspectiva de que o futuro destinado ó centro vai ser básicamente vinculado a traballos de vixiancia”.

O responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga, anunciou que os nacionalistas van trasladar ao conxunto das institucións comezando polos concellos e continuando pola Deputación e o Parlamento unha proposta a fin de garantir que a xefatura territorial continúe na comarca, ou que dadas as particularidades do territorio lucense se proceda a arbitrar unha fórmula que garanta que o Centro da Xunta de Celeiro manteña a mesma categoría funcional que ten a día de hoxe. “Chove sobre mollado, ou aínda peor, isto xa é a gota que enche o vaso”, indicou Veiga, quen lembrou que “estamos diante dunha nova afrenta a comarca da Mariña e o seu sector pesqueiro. Se xa é unha auténtica vergoña que o Instituto Social da Marina esteña ubicado en Lugo o que obriga ás persoas adscritas ó réxime especial do mar a trasladarse a Lugo para cumplimentar todo o papeleo referido ós aspectos fiscais, agora con esta decisión estamos diante dunha nova volta de torca que non é tolerable na medida que avanza na marxinación da comarca e na centralización de servizos en Lugo”.

Xa por último, Veiga dirixiuse aos responsábeis do Partido Popular na comarca, e moi concretamente ó señor Balseiro “quen en catro anos de oposición se erixiu no salvador supremo das nosas xentes do mar, pero agora que lle toca dar trigo exerce de auténtico verdugo, até o punto de que até agora non abriu a boca nin nos consta que fixese ningunha xestión para manter o servizo na Mariña. Agardamos, iso si, que desta volta no Parlamento de Galiza non lle dea as costas a reivindicacións da comarca e apoie a iniciativa do BNG de garantir que na delegación de Celeiro se sigan a prestar os servizos que había até agora”. Na mesma liña, os responsábeis nacionalistas demandaron do conxunto dos populares da comarca que estean á altura das circunstancias e, xa que logo apoien nas diferentes corporacións a proposta nacionalista.

Exit mobile version