Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe da Xunta que actúe perante o anuncio de Alcoa de recortar a súa actividade en Galiza

Nota de prensa

O BNG URXE DA XUNTA QUE ACTÚE PERANTE O ANUNCIO DE ALCOA DE RECORTAR A SÚA ACTIVIDADE EN GALIZA

Henrique Viéitez advirte das “nefastas consecuencias” no emprego desta decisión, que tamén pode afectar á planta de San Cibrao, agudizando a difícil situación que xa sofre a Mariña dende os últimos meses do ponto de vista industrial

Santiago de Compostela, 10 Xaneiro.- O deputado do G.P do BNG Henrique Viéitez urxe do goberno da Xunta que actúe perante o anuncio da empresa Alcoa de recortar a produción nas súas plantas de Galiza, nomeadamente na planta da Coruña, e tome as medidas necesarias para evitar os efectos negativos dunha decisión como esa.

Viéitez rexistrou unha serie de iniciativas parlamentares alertando das “nefastas consecuencias” que van ter eses recortes tanto no emprego como na actividade industrial, agravando unha situación xa de por si complicada en comarcas tan castigadas polo desemprego como son a da Coruña e, sobre todo, da Mariña lucense, que nos últimos meses padeceu o peche ou EREs das súas principais empresas.

O deputado nacionalista considera que, malia que nun principio, segundo o anuncio público feito pola dirección de Alcoa, en Galiza só estaría afectado o centro de produción da Coruña, todo apunta a que a medio prazo pode afectar ao conxunto dos traballadores, incluidos os do centro de San Cibrao.

“Coa escusa do encarecemento da enerxía, do incremento dos custes das materias primas e da caída do prezo do aluminio –explica o parlamentar- tamén se pretende reducir o emprego directo e indirecto, de feito xa se ten chamado a consultas á representación dos traballadores para falar da implantación de EREs”.

Segundo os dados de Viéitez, no centro da Coruña estáse a falar de desfacerse da metade dos traballadores e reducir un cincuenta por cento a produción, o que está provocando, asegura, fonda preocupación entre os afectados e tamén entre os compañeiros da planta da Mariña.

Ante esta situación, o deputado quer saber se a Xunta se ten posto en contacto coa dirección da empresa para coñecer realmente até onde chegan as súas previsións de recortes e que medidas vai adoptar para facer fronte ás repercusións que vai ter no emprego e no desenvolvemento industrial a decisión de Alcoa.

Exit mobile version