Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén pelexará co Hotels Plaza Andorra por recuperar o camiño da vitoria

Nota prensa
*VISTA ALEGRE RECIBE O SEGUNDO CLASIFICADO, ANDORRA, CON MARCA TV*

O Burela FS Pescados Rubén pelexará por recuperar o camiño da vitoria mañá
*(venres 20, 21.00 horas)*, no seu regreso a Vista Alegre, coa visita do segundo
clasificado (28 puntos), Hotels Plaza Andorra, ante os focos de Marca TV. *A
entrada será gratuíta.*

*A bomboneira disporá da Pista Oficial da Liga Nacional de Fútbol Sala como
alfombra de luxo para o que o pichichi laranxa, Dani Martín, considera“unha
oportunidade única na que poderemos amosarlle a toda España do que é capaz o
Burela FS, demostraremos que podemos cambiar as cousas; a presenza de Marca TV é
para nós un extra de motivación no noso firme obxectivo”.*

**

*O Hotels Plaza chega nunha boa etapa, con 4 puntos nas dúas últimas xornadas.
No entanto, o xogo a domicilio non é unha das súas principais fortalezas, con 9
puntos de 21 posibles, e terá que poñer a proba o parapeto burelista. “Vai ser
un partido moi igualado e duro, que se decidirá por pequenos detalles. Temos que
saír concentrados para rematar o encontro igual de esperanzados que estamos
agora, fronte a un rival forte e veterano, que xoga moi ben ao pivote”. *

**

*O salmantino adiantouse a agradecer o apoio da bancada de Vista Alegre na cita:
“A de Burela é unha das mellores afeccións de España, unha afección intelixente,
que se mantén sempre fiel, ás duras e ás maduras. Estou seguro de que mañá nos
estará apoiando coma dende o primeiro día” dixo Dani Martín. *

Á convocatoria de André, Purao, Ique, Juanma, Dani Martín, Christian, Iago
Barro, Víctor López, Bebeto e Iago Míguez, únense Brais, recuperado dunha
contractura, e o meta Javi Fajardo, do Concello de Trabada FS. Quique García non
poderá contar con Clebinho, sancionado con dous partidos de suspensión por
“dirixirse a un dos colexiados en termos de desconsideración” a semana pasada en
Murcia. Tampouco poderá xogar por amoestación dun encontro Cabinho, o máximo
artilleiro dos andorranos, con 14 dianas.

En terras pirenaicas o marcador caeu do lado local, con 6-3.

**

*Festa Laranxa. *A base burelista abrirá a Festa Laranxa, antes do asubío
inicial, brindando os títulos de campión alevín e subcampión benxamín no recente
Trofeo de Reis Cidade da Coruña. Durante o descanso, o público de Vista Alegre
tamén poderá gozar dunha exhibición da escola mariñá de ximnasia rítmica Porta
Norte.

*O encontro poderá seguirse en diferido en Marca TV o _sábado, a partir das
13.00 horas_.*

Exit mobile version