O CD BURELA FS PRESENTA A VÍCTOR LÓPEZ COMO NOVO XOGADOR LARANXA
Víctor López destacou a “seriedade do proxecto e as aspiracións á Primeira División” como os principais incentivos na súa decisión de apostar polo Burela FS. “Estaba atravesando unha situación complicada no Benicarló e o interese demostrado polo Burela, xunto ás metas marcadas, fixéronme decantarme por este equipo entre diferentes opcións” dixo o madrileño, que confía nunha rápida adaptación “coa axuda de compañeiros xa coñecidos, como Dani Martín, co que xa coincidín no Carnicer”. “Creo que o equipo irá encontrando o seu sitio e que chegaremos sen problemas aos play off” puntualizou Víctor.
Dende a entidade laranxa, José Ramón González Casas e Manuel Blanco incidiron na “firme aposta por obxectivos coa Primeira División como prioridade, nun proxecto ao que Víctor achegará intensidade, lanzamento exterior e agresividade”.
O crecemento do ala-peche, de 24 anos, sempre camiñou parello a dous dos históricos da base na súa terra natal, UD las Rozas Boadilla (2003-08) e Carnicer Torrejón (2008-11); en 2007 alzouse co título europeo coa Vermella Sub-21.
A de Víctor, que lucirá o número 14, é a segunda incorporación nas filas laranxas no mercado de inverno. A primeira foi a do brasileiro Alexandro Ribeiro, Bebeto, ala-pivote que comezou 2011-12 tamén en Primeira, defendendo a elástica do Umacon Zaragoza.