Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIM de Ribadeo recibiu medio milleiro de consultas no 2011 e contará con teletradución a 51 idiomas

Nota de prensa:
O CIM DE RIBADEO RECIBIU MEDIO MILLEIRO DE CONSULTAS DURANTE O 2011. O SERVIZO VERÁSE REFORZADO A PARTIRES DA VINDEIRA SEMANA COA POSTA EN MARCHA DUN SISTEMA DE TELETRADUCCIÓN A 51 IDIOMAS, QUE O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ, VALORA DE XEITO POSITIVO.

Ribadeo, 4 de xaneiro de 2012. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, fixo unha valoración positiva do convenio asinado onte en Lugo coa Secretaría Xeral de Igualdade para a posta en marcha do servizo de teletraducción a 51 idiomas no Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo.

O rexedor dixo que “con este servizo, que comezará a funcionar a vindeira semana, poderemos atender moito mellor a unha serie de poboación inmigrante que moitas veces non ten o dominio pleno dos idiomas oficiais de aquí, tanto do galego como do castelán, e a través deste sistema todas estas mulleres que poidan ter algún problema o poderán comunicar perfectamente”. Este novo servizo non lle suporá ningún custe ao Concello de Ribadeo.

Suárez Barcia sinalou que “o CIM de Ribadeo ven atendendo a un número importante de casos e de consultas, no 2011 rexistráronse arredor de medio milleiro de consultas de diversos tipo sobre información xurídica, laboral, violencia de xénero… e moitas veces non só se tratan casos de Ribadeo senón doutros concellos limítrofes que non contan con este servizo, pero as mulleres poden acudir se problema ao CIM ribadense”.

O alcalde subliñou que “no 2011 houbo 60 mulleres asesinadas en todo o estado, pero tan só 15 tiñan presentado denuncia anteriormente. Eu creo que todas as institucións debemos seguir facendo políticas de prevención para que esto sexa algo do pasado, pero namentras sexa algo do presente debemos ter os instrumentos que estamos a ter e reforzándoos con este iniciativa boa da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta”.

Exit mobile version