Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo Ollomao de Barreiros renovou a directiva e presentou a nova programación

Nota prensa

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO CELEBROU A ASEMBLEA ANUAL NA QUE SE RENOVOU A XUNTA DIRECTIVA E SE PRESENTOU A PROGRAMACIÓN PARA O 2012.

Barreiros, 26 de Xaneiro de 2012. O Colectivo Cultural Ollomao vén de celebrar a súa Asemblea anual na que se presentou a proposta de actividades para o ano 2012 e se renovou a Xunta Directiva, tal e como correspondía dacordo cos Estatutos do colectivo.

A nova Directiva está presidida por Tamara Rubiños Varela, que xa formaba parte da anterior Directiva, ao igual que Camilo Friol Piñeiroa, Antonio García Río e Ana Ermida Igrexas, que tamén a acompañan na formación da nova Directiva. Como incorporacións, aparecen Xoán Antonio Fernández Sante e Marcos Fernández Fernández. “A nova Directiva supón a incorporación de xente nova á mesma de cara a poder abarcar máis ámbitos da vida cultural do concello. Para todas as persoas que formamos parte da Directiva, e da propia asociación, é fundamental que un concello coma Barreiros conte cun referente cultural claro e se dote dunha actividade cultural diversa e continuada que, ademais, poida realizarse en calquera parroquia. Entendemos a cultura como un dereito das persoas. Por iso hai que facilitar o acceso á mesma e achegala a cada veciña e a cada veciño, con independenza da mobilidade que poidan ter”, asegurou a nova presidenta, “por iso, acreditamos en que un colectivo coma o noso ten moito traballo por facer e é un instrumento clave para lograr unha oferta cultural acaída ás necesidades de Barreiros.”

Actividades para o 2012.

Ademáis de presentar o correspondente informe anual, foi presentada tamén a proposta de actividades para o presente ano 2012. Entre estas actividades, figuran a segunda edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros”, así como a creación dun grupo de afeccionadas e afeccionados á fotografía, de dentro e fóra do concello, que realizarán rutas para o coñecemento e a posibilidade de retratar espazos singulares do concello da Barreiros.

Tamén prevén a realización da segunda edición das Xornadas de Historia Local, a organización de eventos de música e cultura galega, así como a conmemoración de datas sinaladas como o antroido, as letras galegas, os magostos ou outros eventos relevantes no calendario galego. Prevén pechar o ano, ao igual que se fixo no 2011, coa visita do Apalpador.

Dende a Directiva de Ollomao sinalan “que neste ano 2012 pretenden ampliar as relación con outras asociacións e colectivos do concello, de cara a facer unha axenda de actividades complementaria e lograr así unha mellor e máis completa oferta cultural para as veciñas e veciños de Barreiros”, sinalou Tamara Rubiños. “A mellor forma de lograr que Barreiros conte cunha programación cultural axeitada é dar participación ás veciñas e veciños, polo que consideramos que unha actuación coordinada con outras formacións, é o mellor xeito de logralo.”

Dende o Colectivo sinalan que irán dando cumprida conta das actividades a desenvolver para que poidan participar todas as persoas interesadas, tanto no desenvolvemento das actividades como na súa preparación.

Exit mobile version