Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo valora positivamente as xornadas de observación de aves

Nota de prensa

HORACIO CUPEIRO FIXO UN BALANCE MOI POSITIVO DAS XORNADAS SOBRE OBSERVACIÓN DE AVES, QUE SE DESENVOLVERON A PASADA FIN DE SEMANA EN RIBADEO. AS DELEGACIÓNS DE TURISMO E MEDIO AMBIENTE XA ANUNCIAN UNHA SEGUNDA EDICIÓN PARA O VINDEIRO ANO.

Ribadeo, 30 de xaneiro de 2012. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, fixo un balance moi positivo das xornadas sobre observación de aves, que se desenvolveron a pasada fin de semana en Ribadeo. As Delegacións de Turismo e Medio Ambiente xa anuncian unha segunda edición para o vindeiro ano.

Cupeiro sinalou que “estamos moi contentos pola asistencia de xente, tanto veciños de Ribadeo coma xente chegada doutros puntos. Á Casa das Letras a escoitar a conferencia sobre os humedais acudiron medio cento de persoas e despois á visita á ría foron o domingo 25 persoas, e outras 15 fixérono o sábado. Aínda que esta actividade estaba programada para o domingo ao asistir tanta xente fixemos dous grupos, un por día”.

O edil nacionalista lembrou que “na xornada de divulgación dos humedais participou o vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Ramil Rego, e a súa exposición foi espectacular. Dixo que a ría de Ribadeo é das mellor conservadas de Galicia e tamén falou das aves, que debido á mellora do tempo veñen cada vez en menor cantidade, e algunhas xa se quedan aquí a pasar o inverno e non van nin a Doñana nin a África en busca de temperaturas máis suaves. Da excursión a xente veu moi contenta, vimos unha cantidade de aves enorme e poidemos divisar a águia pescadora, que estaba enriba do tronco no medio ría. Non a vimos pescando, pero sí que disfrutamos da súa presencia”.

Horacio Cupeiro dixo que “este proxecto foi realizado polas Concellaría de Turismo e Medio Ambiente desde as que queremos agradecer a participación de toda a xente que se deu cita nestas xornadas. Temos intención de repetilas o vindeiro ano despois de ver o éxito e a acollida que tivo estes días esta primeira edición”. O responsable de Medio Ambiente agradeceu tamén a presenza dos ornitólogos Enrique Sampedro e Pablo Fernández, “sen cuxa colaboración desinteresada estas actividades non se poderían levar adiante”.

A pretensión do Concello con iniciativas coma ésta “é desestacionalizar a tempada de turismo e a ver si somos capaces de, aproveitando esta riqueza natural que temos da ría de Ribadeo, conseguir que veña xente as fins de semana durante o inverno. A parte da divulgación da nosa ría si lle podemos sacar algún beneficio económico mellor que mellor. Iso é o que pretendemos facer desde as nosas áreas de Turismo e Medio Ambiente”.

Exit mobile version