Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello do Vicedo considera que “cortar o alumeado público nas zonas rurais pode afectar á seguridade”

Nota de prensa:

“Cortar o alumeado público nas zonas rurais pode afectar á seguridade dos veciños”

O Vicedo aposta pola eficiencia enerxética e gasta menos en alumeado público que a maioría de concellos galegos con menos rede de servizo

Investiuse nun sistema de patente galega para o control do gasto eléctrico, único no mercado internacional

O Vicedo, 9 de xaneiro de 2012.— A crise e a escandalosa subida da tarifa eléctrica (máis do 40% nestes tres últimos anos) está obrigando a moitos concellos galegos a cortar parcial ou totalmente o alumeado público para aforrar. Esta medida pode ter un impacto moi negativo no rural, onde o alumeado é esencial para a seguridade e benestar dos veciños. O concello de O Vicedo é enerxeticamente sostible e aposta por manter o servizo ao 100% pero regulando o seu uso e intensidade mediante a telexestión. “Houbo veciños que incluso nos suxeriron apagar. Nun casco urbano é discutible, pero nós temos moito rural e o alumeado é vital para a súa supervivencia e para que os veciños se sintan seguros e non queden illados. Estamos vendo que aumentan os roubos na Mariña. E apagar o alumeado é poñérllelo máis fácil aos ladróns”, sinala Jesús Novo, alcalde de O Vicedo.

O concello de O Vicedo sempre apostou pola boa xestión dos recursos municipais, por iso, antes de que o aforro estivese tan de moda, investiu en sistemas de eficiencia enerxética que lograron diminuír o gasto en electricidade nun 60% e o de mantemento nun 80%. A pesar de que a dispersión da poboación dos concellos rurais obriga a unha rede de alumeado moi extensa (case cunha farola por cada dous veciños), O Vicedo atópase hoxe con menos problemas para afrontar o pago da factura enerxética que outros concellos con menor dispersión. Non hai que esquecer que un dos servizos públicos que máis gasto e preocupacións está xerando para os municipios galegos é o alumeado público.

O Vicedo ten unha ampla rede de alumeado e consume 237,67 KWh por habitante ao ano (uns 35€ por habitante). O aforro que acada anualmente é de 252.649,74 KWh. Hai que resaltar que O Vicedo non fixo un alto desembolso nin se endebedou, senón que foi o propio aforro o que costeou a inversión no sistema de patente galega ComputerCraft, que permite o control punto a punto das luminarias. Deste xeito, pódese regular a intensidade da luz segundo as necesidades e recursos do concello. O aforro é dun 60% en gasto e dun 80% en mantemento.

O ComputerCraft, desenvolvido en 2006 pola empresa galega Esinor en colaboración coa Universidade de Vigo, é único no mercado internacional e posibilitou a xestión eficiente dos orzamentos municipais. “O Vicedo soubo ver o problema da factura eléctrica antes de que chegara a crise e apostou polo futuro, é dicir: pola continuidade dun servizo público, de calidade e medioambientalmente sostible”, explica o alcalde.

Exit mobile version