Site icon Crónica3.com A Mariña

O Mos, aliado coa sorte, levou os puntos de Ribadeo (1-2)

Nota de prensa

O Mos, aliado coa sorte, levou os puntos de Ribadeo (1-2)

O Panificadora del Eo-Ribadeo FSF rubricou a súa mellora ante os grandes. Se a xornada anterior llo puxo moi difícil ao Marcón, cuarto clasificado, para levar os 3 puntos de Ribadeo, máis difícil llo puxo ao Concello de Mos, segundo, que aliado coa sorte conseguiu o gol da vitoria a falta de 23 segundos para o final (1-2).

O equipo visitante saíu a resolver nos primeiros instantes do encontro, pero a organizada defensa das locais freou todo achegamento á súa portería. Só desde os 10-12 metros conseguiron as pontevedresas pór en apuros a porteira Antía. A pesar da lesión de María cando transcorría o minuto 3, paso a paso, o Panificadora ía adiantando as súas liñas e xa a mediados da primeira metade, Nuria en varias ocasións, Sabela e Elena puñan cerco á portería de Asun.

Con 0-0 na continuación ambos os equipos intentaron adiantarse no marcador, pero foron as locais as que os conseguiron antes, por mediación de Nuria de forte disparo axustado ao pau desde a frontal da área visitante. Foi a partir deste momento cando as visitantes se aliaron coa sorte e un minuto máis tarde Silvia conseguiu o empate ao atoparse cun balón rexeitado por Antía ao saque dunha falta. As ribadenses seguían co seu empeño de gañar o partido e así Nuria estrelou un balón na madeira. Pouco máis tarde Asun rexeitou co ventre un remate de Ana.

A falta de 3 minutos, as pontevedresas, con máis experiencia e oficio, puxeron en pista a porteira-xogadora e a punto estivo Nuria desde campo propio de pór de novo o Panificadora por diante no marcador, pero o balón saíu rozando o pau. Faltaban tan só 23 segundos, na execución dun saque de banda preto da portería local, o balón pegou no poste e saíu rebotado ao ventre da visitante Isa e introduciuse na portería de Antía. Era o pago negativo ao esforzo das novas pupilas de Martínez que están dando, e moito, a cara ante os grandes.

Choque provincial espera en Guntín ao Panificadora a próxima fin de semana. As locais non atravesan os seus mellores momentos como o facían ao comezo de tempada, mentres que as ribadenses demostran unha importante mellora neste novo ano.

Provincial feminina. Unha nova vitoria do Xoula, en Monterroso (3-4), permítelle manter a terceira praza. As ribadenses, esta vez dirixidas por Docobo, adiantáronse no marcador e, aínda que o Monterroso conseguiu igualar, foi o Xoula quen se foi con vantaxe ao descanso. Na continuación foron as ribadenses quen de novo levou a batuta e puxeron o 1-4 no marcador. Este resultado levounas á relaxación e permitiu ás locais achegarse ata o 3-4 definitivo. Elvira (3) e Carmen foron as autoras dos goles; tamén xogaron Yoli, Tania Penabad, Iria, Carla Bolaños, Montse e Carla Cora. A próxima fin de semana visitará A Mariña o Lucense FSF, segundo clasificado que venceu ás ribadenses na primeira volta (6-1).

Provincial masculina. A derrota do Ribadeo en Baamonde (4-2) conduce ao equipo mariñán ata a penúltima praza, á espera de recibir o vindeiro sábado ao Navia de Suarna.

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Toñi, María, Elena e Nuria (1), cinco inicial; tamén xogaron Sabela, Ana, Marta e Eva.

O Montiño Concello de Mos FSF: Asun, Vane, Marga, Sara e Adriana, cinco inicial; tamén xogaron Silvia (1) e Isa (1).

Árbitros: Pablo Coello Martínez e Vanesa Fernández Fernández, da delegación de Lugo. Mostraron cartóns amarelos a Asun e Silvia polas visitantes.

Exit mobile version