Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade informa sobre a regulación do réxime das traballadoras do fogar

Nota de prensa

O Observatorio organiza unha charla informativa sobre a nova regulación do réxime das traballadoras do fogar

A charla terá lugar en Ribadeo, o mércores 25, ás 18.30 na Casa das Letras

Con motivo do novo regulamento do réxime das traballadoras do fogar que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza unha charla informativa para expoñer os novos cambios que acaban de entrar en vigor e aclarar todas as dúbidas que existen ao respecto. A charla informativa terá lugar o próximo mércores, 25 de xaneiro, ás 18.30h na Casa das Letras de Ribadeo.

Cómpre recordar que xa en marzo do 2008, unha das primeiras actividades que levara a cabo o Observatorio fora unha xornada informativa sobre a situación das traballadoras do fogar na que se contara coa colaboración da asociación compostela “Xiara”. Ademais, en dita xornada, que tivera lugar en Ribadeo e en Burela, proxectárase a curta “Esquecidas” (2007), dirixida por Luqui Matthews.

En vista da boa acollida e do interese que espertara a actividade no 2008 e do pouco coñecemento que existe actualmente sobre os cambios que acaban de entrar en vigor, o Observatorio organiza de novo unha xornada informativa para que toda a xente que o desexe poida coñecer os novos cambios lexislativos, os dereitos que entran en vigor ou aclarar as dúbidas pertinentes. Para a sesión, volverase a contar coa colaboración da asociación compostelá de Empregadas do Fogar Xiara. Mercedes Andrade e Teresa Rodríguez, portavoces da mesma, serán as encargadas de poñernos ao día sobre as novas modificacións lexislativas en relación ás contratacións, retribucións, afiliación, alta/baixa na seguridade social, cotizacións á seguridade social, etc. do réxime das traballadoras do fogar.

Exit mobile version