Site icon Crónica3.com A Mariña

O portavoz do Mar do PP compara os investimentos da Consellería do ano pasado cos do goberno anterior

Nota de prensa:
O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro resposta ás críticas socialistas sobre execución orzamentaria

BALSEIRO ASEGURA QUE A CONSELLERÍA DO MAR EXECUTOU 333.000 EUROS DIARIOS NO 2011, 73.000 EUROS MÁIS DO QUE NO MESMO PERÍODO FIXO O GOBERNO BIPARTITO EN 2009

O deputado do Grupo Popular salienta que a Xunta está a traballar nun contexto económico moi difícil e con plena consciencia da situación económica real do sector na mentres que o PSdeG segue instalado en negar a realidade e descoñecer os efectos da crise.

Santiago, 16 de xaneiro de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de lamentar as críticas vertidas en relación coa execución orzamentaria da Consellería de Medio Rural e Mar e sinala que desde a Xunta de Galicia se está a traballar para aproveitar ao máximo posible os Fondos Europeos de Pesca, que considera positivos para o sector pesqueiro galego.

O deputado popular aclara que as cifras citadas polo PSdG se refiren a fondos executados ata o día 30 de setembro, coincidindo coas ordes de axudas en curso, unhas datas nas que a Consellería estaba complementando a documentación destas ordes para poder executar o gasto. Neste sentido, lembra que nesta data o equipo da Consellería puxera xa a disposición do sector, mediante orde de axuda, máis do 83% do orzamento.

ESCENARIO DOBREMENTE COMPROMETIDO

A este respecto, Balseiro sinala que o Goberno galego atópase nun escenario dobremente comprometido. Por unha banda, a execución de fondos non depende da vontade da Consellería, senón da escaseza de crédito concedido para a iniciativa privada que non atravesa o seu mellor momento por mor da crise. “Por outro lado, o Executivo autonómico ten que desenvolver un programa operativo deseñado polo bipartito, ás veces pouco adecuado á realidade, coma no caso das axudas específicas destinadas á pesca costeira artesanal, certamente imposibles de executar debido aos requisitos establecidos na súa orixe”, explicou.

Aínda así, tal como subliñou a propia conselleira, Rosa Quintana, durante a súa comparecencia no Parlamento sobre os orzamentos, a daquela Consellería do Mar executou ata a novembro de 2011 uns 333.000 euros diarios fronte aos 260.000 executados diariamente polo executivo bipartito na súa última etapa de goberno en 2009. Ademais, entre os anos 2006 e 2008 a media de cartos executados polo anterior executivo ata o mes de novembro foi de 85 millóns de euros (un 25,2% do orzamento), mentres que a do actual goberno, nos mesmos períodos, é de 111,4 millóns.

No relativo aos fondos non executados, Balseiro quixo apuntar que a maior parte das baixas derivan de fondos non gastados durante a etapa do bipartito. Así, en 2007 e 2008 a execución foi case nula provocando que se arrastrasen remanentes e engrosando a cantidade herdada.

ACUICULTURA

No caso específico da acuicultura, cabe destacar a parálise á que foi sometida esta actividade durante a época bipartita que condicionou a súa reactivación na presente lexislatura. “Naquel momento de bonanza no que había fondos para que as grandes empresas optasen a axudas, non se lles permitiu investir”, recordou. De feito, durante ese período non proliferou ningún proxecto de acuicultura. Desta maneira, o último proxecto acuícola desenvolvido en Galicia (a granxa de orella de mar en Muros) iniciou a súa tramitación co Partido Popular no Goberno no ano 2005 e aprobouse co executivo actual, que tamén é do PP.

Balseiro aclara ademais que o actual Goberno asentou esta lexislatura as bases para garantir seguridade xurídica plena aos inversores, mediante a adquisición directa dos terreos para a actividade acuícola e o deseño dunha planificación que permitirá un desenvolvemento sostible da acuicultura nos eidos ambiental, económico e social

Exit mobile version