Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo amosa a súa tristura polo pasamento de Manuel Fraga e agradécelle a súa atención ó noso concello

Nota de prensa

O PARTIDO POPULAR DE RIBADEO AMOSA A SÚA TRISTURA POLO PASAMENTO DE MANUEL FRAGA E AGRADÉCELLE A SÚA ATENCIÓN Ó NOSO CONCELLO.

O Partido Popular de Ribadeo recibiu con pesar a nova do pasamento do Presidente fundador do partido, D. Manuel Fraga Iribarne. Para a agrupación local ribadense a figura política de Fraga debe ser recoñecida en tanto que foi o creador deste inmenso partido que, grazas á súa incansable adicación e á súa valía intelectual chegou a gobernar en España, en Galicia e tamén en Ribadeo durante oito anos.

Manuel Fraga era, ademais, un namorado da nosa vila. Cada vez que se achegaba a Ribadeo por motivos políticos ou institucionais amosaba a súa admiración pola beleza da ría a carón da que lle gustaba facer unha plácida sobremesa. Algúns dos membros da Agrupación municipal do PP tivemos o inmenso pracer de acompañalo nestes anacos distendidos onde a súa cultura, a súa sabiduría e o seu percorrido persoal, intelectual e político abraiaba. Moitos afirmaron nestes días que era afable, cariñoso e con gran sentido do humor na súa vida privada, lonxe da súa faceta máis vehemente na política e nós podemos acreditalo.

O agarimo que o vilalbés sentía polo pobo de Ribadeo foille transmitido por dous ribadense ilustres: D. Dionisio Gamallo Fierros a quen lle unía unha estreita amizade, máis aló das profundísimas diferenzas ideolóxicas que os alonxaban, e Leopoldo Calvo-Sotelo, de quen o separou a súa traxectoria política pero con quen seguía mantendo unha magnífica relación persoal, feito que dá boa mostra da grandeza humana destes tres persoeiros.

Pero, dende a obxectividade, esquecendo o sentimentalismo que pode tamizar as apreciacións dos membros do Partido Popular, os máis de 15 anos de Manuel Fraga á fronte da Xunta de Galicia supuxeron para Ribadeo un cambio radical que converteu a nosa vila nunha pequena cidade dotada de servizos que ofrecen ós seus veciños unha indiscutible calidade de vida. Durante as súas catro lexislaturas en Ribadeo construíuse, por exemplo, o Auditorio, a estación de autobuses, o aparcadoiro municipal, o pavillón polideportivo, o albergue de peregrinos, a Casa da Ría, 80 vivendas sociais, o Centro de Día, o piso tutelado, a Casa da Xuventude; remozouse a Praza de Abastos; rehabilitouse a Torre dos Moreno, a Casa da Cultura e a Casa del Viejo Pancho; creouse a Escola Oficial de Idiomas, conseguiuse o Leader + Puente de los Santos, o Plan de Dinamización Turística; constituíuse o Centro Comercial Aberto e na comarca ampliouse o Hospital da Costa ou conseguíronse os terreos para o parque comarcal de bombeiros.

Todo isto sen unha análise profunda nin tirar de hemeroteca, só tomando unha serie de exemplos sen os que, a día de hoxe, nos custaría imaxinar o noso pobo. Ademais, Ribadeo, ó igual que o resto de Galicia gozou de servizos financiados pola Xunta de Galicia, algún dos que aínda se manteñen na actualidade: Técnico de emprego, Prevención de Drogodependencias, recollida selectiva, Oficina de Información Xuvenil e de Información ó Consumidor entre outros moitos.

En definitiva, que o PP de Ribadeo considera que lle debe render tributo publicamente a D. Manuel Fraga Iribarne como político receptivo sempre ás necesidades do noso concello.

Foi un traballador incansable, peza fundamental na transición á democracia, exemplo de honradez e adicación política, acérrimo defensor da súa terra galega,.. Gracias por todo DON MANUEL. No Partido Popular de Ribadeo nunca te esquenceremos. Descanse en paz.

Exit mobile version