Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo considera que o goberno local ten abandonada A Devesa

Nota de prensa

O GRUPO MUNICIPAL DO PP CONSIDERA QUE O GOBERNO LOCAL TEN ABANDONADA A DEVESA

Desde o Grupo Municipal do Partido Popular estamos a realizar visitas polas diversas parroquias tratando de coñecer a realidade da zona rural do noso municipio e comezamos por unha das máis extensas en territorio: A Devesa.

O encontro con veciños desta parroquia e a visita que realizamos a diversas zonas da mesma, fixéronnos chegar á conclusión de que o goberno local de Ribadeo non ten a esta zona entre as súas preocupacións.

Na sesión ordinaria do Pleno da Corporación do pasado 16 de Xaneiro o Grupo do PP, dentro do capítulo de rogos, plantexoulle ó alcalde varias das demandas dos veciños que se mencionan a continuación, recoñecéndose por parte do BNG que, na maioría dos casos eran coñecedores da situación pero non a teñen solucionado nin amosaron vontade de facelo, argumentando os atrancos que se lles plantexan. O PP amósase sorprendido pola resposta pois a súa labor é, precisamente, como equipo de goberno, ver de sortear as dificultades que xurdan para levar a efecto os dereitos dos veciños.

A primeira reivindicación que se nos fai é a sinalización da propia parroquia pois non aparece na autovía (vella reivindicación dos veciños), é tratada inxustamente nos manuais turísticos pois atribúense a Rinlo elementos que están situados na Devesa coma as cetarias, etc.. Non é este tema unha simple cuestión de reivindicación do nome senón que tamén se nos sinala (e así o comprobamos) que a “ruta das praias” está sinalada na estrada nacional “dirección Rinlo” unha vez que xa pasamos varias praias, como se a parroquia e, por tanto, o concello remataran moito antes do límite que nos separa con Barreiros.

Esta ruta polas praias amosa, sen dúbida, o inmenso potencial turístico que ten o litoral desta parroquia e tamén nos deixa ver, ás claras, a ineptitude e deixadez do goberno do BNG pois a estrada que discorre polo litoral está en un estado absolutamente lamentable. Si vendemos turísticamente un lugar que resulta inaccesible estaremos tirando pedras contra o noso tellado pois cando o turista pelexe co seu coche para transitar por unha estrada toda salpicada de buratos e baches esquecerá con seguridade as magníficas vistas que a adornan.

Pero o problema vai un paso máis aló do mero tema estético ou turístico posto que se converte nun tema de seguridade viaria en dous puntos que supoñen un enorme perigo para os vehículos que por eles circulan. É especialmente significativo na cala do Porto no que o mar ten escavado debaixo da estrada e desde a mesma pode contemplarse a simple vista un enorme buraco que fai que ésta estea no aire. Xa ten sido esta cuestión advertida por parte do Grupo Municipal Popular na anterior lexislatura ó Alcalde sen que a día de hoxe, case un ano despois, se teña feito absolutamente nada. Non existe sinalización que aperciba da situación máis que unha simple cinta de obra que marca o estreitamento da calzada. Resulta especialmente grave este tema por canto a solución sería sinxela pois existe terreo suficiente do outro lado da estrada para que se poida colocar uns tubos na cuneta e ampliar a estrada por esta parte. Asimesmo, procedería a colocación dunha varanda que poida evitar que o desvío dalgún vehículo ou a imprudencia dun peón poida causar unha desgraza. Sería precisa unha solución similar na mesma estrada uns metros máis adiante onde non é tan grave o deterioro pero o tempo acabará por estragar tamén o vial e o perigo de accidentes é manifesto.

Outra cuestión importante por motivos de seguridade é a existencia de dúas fincas situadas no medio de outras vivendas que están absolutamente cubertas de maleza, madeiras vellas e nunha situación de extremo abandono e que no caso de un desgraciado incendio serían combustible para as lapas que poñerían en grave perigo as casas lindeiras. O concello está a obrigar ós propietarios de fincas en estado de abandono no casco vello da vila a adecentar éstas ou, en caso contrario, a propia entidade municipal procede a facelo e repercutir os custes ós propietarios. Pregámoslle que, a través desta solución ou doutra proceda a solventar estes casos de igual forma que o fai no casco urbano.

Ademais do mencionado, que sirve como exemplo do abandono ó que ten sometida á parroquia de A Devesa o goberno municipal, existen outros moitos feitos menores que incomodan no día a día dos veciños e que son de moi fácil solución, tan só requiren da súa atención e vontade por arranxalos: un colchón vello que leva máis de un ano tirado á beira dunha estrada, unha pista incomunicada, un burato nas cetarias sen varanda, unha sinal viaria dentro dun seto dunha vivenda particular, sinais tumbadas, pintadas, e así un longo etcétera.

O Grupo Municipal do Partido Popular pregámoslle ó equipo de goberno que se desprace ata esta parroquia (nós estamos dispostos a acompañalos e amosarlles éstas e outras incidencias) e poña remedio a esta deixadez coa que están a gobernar. Os ribadenses da zona rural tamén pagan os seus impostos e non merecen ser “cidadáns de segunda”.

Exit mobile version