Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP mindoniense critica a decisión do goberno do concello de subir os impostos ante a dificil situación que se está a vivir

Nota de prensa

O PP local critica a decisión do bipartito de subir os impostos municipais ante a difícil situación que se está a vivir en Mondoñedo

•    Os populares ofrécense a xestionar aquelas áreas nas que o goberno local teña menos capacidade, sen custe ningún para o Concello, o que podería supoñer unha redución de persoal político

Mondoñedo, 28 de xaneiro de 2012- O Partido Popular de Mondoñedo critica a decisión do goberno local de subir os impostos municipais ante a difícil situación que está a pasar tanto o pobo como a comarca da Mariña. Coas últimas propostas adoptadas no pleno ordinario celebrado este xoves, o grupo popular resalta que o bipartito unha vez máis castiga o “peto” dos mindonienses incrementando as taxas municipais e incluso, segundo explica a portavoz local, Elena Candia, “creando algunha máis no noso concello”.

No canto de adoptar medidas para paliar a crise como están levando a cabo outras administracións, Candia asegura que o Concello de Mondoñedo prefire, neste momento, elevar as taxas que os veciños se ven obrigados a pagar incluso por servizos que a Administración local presta de forma “deficitaria”. Así, a portavoz local recorda a implicación do conselleiro de Industria, Javier Guerra, e cuxa colaboración se irá materializando nunha nova reunión prevista para o próximo mércores, ás 12:00 horas.

Na pasada sesión plenaria, o PP local tamén recordou as medidas adoptadas polo goberno bipartito na xestión do concello como son a viaxe a Uruguay (custeada con diñeiro público) ou Fitur, que supuxo un custe económico para o Concello pero, segundo Candia, “sen froito positivo para Mondoñedo e os seus veciños”.

Ante isto, o PP local pediu un cambio de rumbo por parte do goberno local e así, os populares ofrecéronse a xestionar áreas nas que o bipartito teña menos capacidade, e faríano sen custe ningún para o Concello. Esta oferta que lanza o PP local podería supoñer unha rebaixa no custe do persoal político do Concello.

Por último, o Partido Popular de Mondoñedo tamén manifesta o seu descontento pola non aceptación da moción que presentou unha vez máis en relación a creación dunha Comisión de Participación Cidadá. Os populares critican o voto en contra do BNG e do PSOE tendo en conta o traballo que están a facer as asociacións locais durante a situación que está a pasar a comarca.

PARTIDO POPULAR

Exit mobile version