Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama superar o sistema de cotas pesqueiras e que se reformule a aplicación do principio de estabilidade relativa

Nota de prensa

José Manuel Balseiro defende que esta cuestión debe abordarse no marco da reforma da Política Pesqueira Común, actualmente en pleno debate

O GRUPO POPULAR RECLAMA SUPERAR O ACTUAL SISTEMA DE COTAS PESQUEIRAS E QUE SE REFORMULE A APLICACIÓN DO PRINCIPIO DE ESTABILIDADE RELATIVA

Propón que a Xunta elabore un estudo sobre a problemática que suporía manter a estabilidade relativa no reparto de cotas e pide a Mar que desenvolva todas as medidas políticas, xurídicas e incluso xudiciais que estime oportunas para mellor defensa dos intereses da nosa flota

Burela, 26 de xaneiro de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu a necesidade de superar o actual sistema de asignación de cotas pesqueiras entre países -o coñecido como principio de estabilidade relativa-. O parlamentario pediu á Xunta que non escatime recursos neste obxectivo e loubou o compromiso adquirido pola propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen adiantou que estaría disposta a chegar ata as últimas consecuencias en defensa dun novo modelo pesqueiro.

Así o explicou hoxe o voceiro do Mar nunha rolda de prensa ofrecida xunto á deputada Emma Álvarez, o alcade de Burela, Jose María González Barcía e aos portavoces do Grupo Popular en Viveiro, César Aja e na Deputación de Lugo, Elena Candia. Nela explicaron que a súa formación política rexistrará sendas iniciativas, nos concellos, Parlamento e Deputación, reclamando á Xunta que se dote do maior número posible de argumentos para avalar esta petición diante das institucións aproveitando que estamos en pleno proceso a reforma da Política Pesqueira Común.

A iniciativa do Partido Popular instá á Xunta a elaborar un estudo xurídico e socioeconómico en relación coa incidencia que no conxunto da flota pesqueira tería o mantemento da estabilidade relativa. Ao mesmo tempo pide a Xunta que -co apoio decidido da Deputación lucense- desenvolva todas as medidas políticas, xurídicas e incluso xudiciais en defensa dos intereses da nosa flota e dirixidas a acadar unha reformulación da aplicación da estabilidade relativa na nova normativa comunitaria.

EFECTOS NEGATIVOS

Balseiro explicou que nos últimos anos a aplicación do principio de estabilidade relativa no reparto de cotas vén de producir resultados moi negativos e precisa de ser actualizado. De feito, a flota pesqueira galega viuse especialmente afectada pola asignación dun número insuficiente de posibilidades de pesca, que poderían corrixirse -polo menos en parte- de aplicarse outros criterios como o de esforzo pesqueiro.

A reformulación do principio de estabilidade relativa traería tres posibles beneficios: Primeiro, facilitaría tamén o intercambio de cotas entre empresas pesqueiras de distinta nacionalidade. Segundo, practicamente eliminaría os coñecidos como descartes daquelas especies respecto das que xa se teñen superado a cota límite de capturas. E terceiro reduciría a deslocalización de moitas empresas pesqueiras que teñen que acudir a terceiros países para poder seguir desenvolvendo a súa actividade, o que contribuiría a fixar emprego e actividade económica en Galicia.

GALICIA DEBE LIDERAR ESTE PROCESO

Balseiro lembra que Galicia é unha comunidade na que a pesca é un sector estratéxico e fundamental tanto desde o punto de vista económico como pola multitude de vilas, pobos e comunidades pesqueiras e de aí que sexa quen lidere estas peticións. “É básico, necesario e imprescindible dar a batalla en todos os ámbitos na defensa daquelas cuestións que poidan favorecer aos intereses da nosa nosa flota, que son, os intereses de Galicia”.

Desde o punto de vista práctico, a reformulación do principio de estabilidade relativa sería especialmente beneficiosa para portos pesqueiros como Burela ou Celeiro -dado a importancia que nela ten a flota de Gran Sol- e sería positivo en xeral para o conxunto do sector pesqueiro, desde o ámbito meramente estrativo ata por extensión o conxunto das industrias de distribución de peixe.

Exit mobile version