Nota de prensa:
O titular da Xunta remitiu esta mañá unha carta ao ministro José Manuel Soria
FEIJÓO SOLICÍTALLE AO MINISTRO DE INDUSTRIA “O MÁXIMO INTERESE” E AS “MEDIDAS PRECISAS” PARA CONSEGUIR QUE ALCOA SIGA EN GALICIA MANTENDO “OS NIVEIS DE EMPREGO ACTUAIS”
Salienta que Alcoa é unha industria “esencial” na economía da comunidade galega e que “desgraciada e preocupantemente” a súa permanencia na mesma “corre un grave perigo” como consecuencia da situación de crise xeral e da automoción, en particular, e tamén polos incrementos experimentados na tarifa eléctrica
A empresa conta con seis centros de produción en distintas comunidades de España, dous deles en Galicia: a factoría da Coruña e a factoría de San Cibrao
O presidente galego brinda a “máxima colaboración” do Goberno autonómico e pon á disposición do ministerio os equipos de traballo da Xunta para resolver este asunto
Santiago, 10 de decembro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulle esta mañá ao ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, que tome “o máximo interese” na análise da situación da empresa Alcoa, así como a adopción das medidas “precisas” para conseguir que esta factoría, líder mundial en produción de aluminio primario e aluminio fabricado, ademais da maior empresa mineira de bauxita e refinadora de alúmina do mundo, siga en España e en Galicia, “mantendo, como mínimo os niveis de emprego actuais”.
Nunha carta remitida esta mañá a José Manuel Soria, o presidente galego brinda “a máxima colaboración” do Goberno autonómico e pon á disposición do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo “os equipos de traballo da Xunta de Galicia relacionados con tan importante problemática”.
Na súa misiva, o titular da Xunta salienta que Alcoa conta con seis centros de produción en España, dous dos cales radican en Galicia, polo que, subliña ante o ministro “esta é unha industria esencial na economía da Comunidade autónoma de Galicia” e que, “desgraciada e preocupantemente a súa permanencia na mesma corre un grave perigo como consecuencia, fundamentalmente, de dous factores”. Por un lado, explica, dado a situación de crise, en xeral, e da automoción, en particular, que está provocando unha baixada importante dos prezos do aluminio. E por outro, dado os incrementos experimentados na tarifa eléctrica, tendo en conta que aproximadamente só o 20% da produción mundial de aluminio se realiza con tarifas eléctricas superiores ás españolas.
Na carta remitida esta mañá ao ministro de Industria, o presidente da Xunta lembra que a factoría que Alcoa ten na Coruña emprega, de forma directa, a 536 persoas e dá traballo indirecto a 104 persoas de empresas auxiliares. No caso da factoría de San Cibrao, Alcoa dá emprego a 1.372 persoas e a 515 de empresas auxiliares. Segundo explica Feijóo os retos de futuro da empresa en Galicia pasan pola renegociación dos contratos actuais, vixentes ata o 31 de decembro de 2012; por desenvolver unha nova regulación dos accesos e peaxes a satisfacer polos grandes consumidores; por conseguir fórmulas de exención/devolución dos impostos e recargos (tendo en conta que os impostos locais e autonómicos acadan o 7% que se aplican sobre a factura eléctrica); polo incremento da interrumpibilidade; e polo impacto de CO² (directo e indirecto).