Nota de prensa
O programa Km0.Deputación de Lugo arranca o ano con 2.500 inscritos ata o mes de marzo
– En 2011 fixeron as rutas programadas 10.000 persoas, coas que son xa máis de 30.000 as que participaron na iniciativa dende a súa posta en marcha hai tres anos
– O éxito da actividade e a súa repercusión na economía da provincia –contribúe a manter 3.000 empregos directos e indirectos- levou ó Goberno galego a organizar un programa de roteiros pola comunidade autónoma coas mesmas características e obxectivos
– O 2012 comeza con viaxes polas comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra, que realizarán entre hoxe e o xoves 300 veciños de Láncara, O Incio, Lourenzá, Foz e Vilalba
O éxito da iniciativa e a súa repercusión na economía da provincia levou á propia Xunta a desenvolver o pasado ano un programa de roteiros pola comunidade autónoma coas mesmas características e obxectivos co ideado polo organismo provincial, a única diferenza é que o do Goberno galego estaba dirixido á xuventude. No caso do da Deputación, nesta cuarta tempada, iniciada o pasado mes de setembro, o programa mantén a súa modalidade de pago, de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, sendo gratuíto para os colexios e institutos públicos.
Os destinos máis solicitados do Km0.Deputación de Lugo ata o de agora foron A Mariña e a Ribeira Sacra. A praia ribadense das Catedrais, declarada Monumento Natural; Illa Pancha, tamén en Ribadeo; as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo; o eucaliptal de Chavín, en Viveiro; os canóns do Sil e do Miño; Belesar; Os Peares; a praia fluvial e a igrexa da Cova, en O Saviñao; ou o miradoiro do Cabo do Mundo, foron algúns dos lugares que máis sorprenderon e gustaron dentro desas dúas comarcas, xunto a outros do resto da provincia, como, por exemplo, os torrentes do Ulla, o mosteiro de Samos, as ruínas de Caldaloba, o Museo Arqueolóxico de Vilalba ou as paisaxes de Negueira de Muñiz.
O plan abriu ademais as portas da Deputación ós veciños da provincia, permitíndolles coñecer a sede do organismo provincial, para que serve a institución, que proxectos desenvolve e a que destina os seus fondos.
As primeiras rutas do ano
Este 2012 arranca con rutas polas comarcas da Mariña e Ribeira Sacra, que realizarán entre este martes e o xoves 300 veciños de Láncara, O Incio, Lourenzá, Foz e Vilalba. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, recibiu hoxe no salón de actos de San Marcos a dous grupos, un de 48 particulares e o segundo doutros 48 integrantes da Asociación de Veciños Terras de Armea de Abaixo, de Láncara, que visitaron as costas focense e ribadense, respectivamente. O primeiro colectivo iniciou a ruta na Fundación TIC, dependente do organismo provincial, para comer seguidamente, xa en Foz, no restaurante Rincón de Anita, e continuar cunha visita á praia da Rapadoira e ó porto da localidade, co percorrido dun tramo da ruta de sendeirismo polo Río Ouro e cun paseo polo miradoiro e as ruínas da Frouxeira. Pola súa banda, os veciños de Láncara coñeceron o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, comeron no restaurante O Cabazo de Ribadeo e deron un paseo polas praias das Catedrais e Os Castros, as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil.
Nas rutas de mañá mércores participarán 55 membros da Asociación de Veciños San Amaro de Barbain, do Incio, e outros 55 do colectivo veciñal de San Xurxo, de Lourenzá. No primeiro caso, visitarán a olería de Bonxe para desprazarse despois a Ribadeo, onde comerán no restaurante O Marinero, farán unha travesía pola ría, subirán no ascensor panorámico situado no peirao deportivo e percorrerán o casco histórico e o convento das Clarisas da vila mariñana. Polo que respecta ós veciños de Lourenzá, achegaranse á Fundación TIC e viaxarán seguidamente a Viveiro para coñecer o miradoiro de San Roque, a igrexa de Santa María do Campo, o casco histórico, a praia de Covas e o complexo Regal Xunqueira. A comida terá lugar no restaurante Val do Naseiro.
A programación desta semana concluirá o xoves con outras dúas saídas. Un grupo de 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa de Fazouro, de Foz, desprazaranse ata o CENTRAD e continuarán a ruta ata Sober, onde coñecerán as ribeiras do Sil e gozarán dunha degustación na Adega Algueira e dunha comida no restaurante Algueira. Por outra banda, 48 membros da Asociación de Veciños de Vilalba viaxarán ó municipio de Ribadeo para pasear polas praias das Catedrais e Os Castros e polo casco histórico da vila, onde tamén se achegarán ó convento das Clarisas. Este grupo comerá na Confraría de Rinlo.
127 opcións
Na súa 4º tempada, Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de levar novos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades. Estas son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas comarcas lucenses; Km0 Xtreme, que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte (viaxes en helicóptero, globo, rutas a cabalo, bicicleta de montaña, tiro con arco, escalada, vela, catamarán, kaiak, esquí náutico, surf, windsurf…); e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos os do Mar e o do Inverno.
Como apuntarse
Todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de Nova Caixa Galicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.