Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE critica que o goberno de Burela gaste máis 8 mil euros en aparellos que non serven para nada

Nota de prensa

Nota de prensa do grupo municipal do PSdeG PSOE de Burela

CONTROL DIXITAL PARA PERSOAS (ANALÓXICAS)

Inducidos polas prestacións técnicas de algúns aparellos tecnolóxicos, que favorecen controlar cuestións laborais sen necesidade de dar a cara, os responsables políticos do Concello de Burela impoñen un sistema de control de entrada e saída dos traballadores municipais facendo un investimento de máis de oito mil euros.

A xustificación pública do alcalde é “non o facemos por que esteamos descontentos cos nosos traballadores, senón por que temos que ter un sistema de control para quedar ben cara á cidadanía.”

É triste e penoso que o señor alcalde gaste máis de oito mil euros en aparellos que non serven para nada. A entrada e saída dos traballadores está determinada polo horario específico de cada un, sendo unha obriga o seu cumprimento. Se os veciños de Burela están a pagar tres dedicacións exclusivas, o normal sería que algunha delas se encargara de controlar o cumprimento do horario.

É fundamental contar coa colaboración decidida dos empregados públicos e co seu sentido da responsabilidade e solidariedade na aplicación de servizo á cidadanía. A formación, eficacia, educación, motivación e entusiasmo para facer ben o seu traballo son valores que determinan o nivel de cumprimento de cada traballador. Controlar cun aparello o grao de puntualidade dos traballadores soamente para facer ver que “aquí mando eu”, é desprezar o valor auténtico de cada empregado.

O alcalde quéixase constantemente de que o Concello carece de solvencia económica e por esta razón deixa tirados aos comerciantes e veciños de Burela eliminando as luces do Nadal, deixa tirados aos usuarios das escolas deportivas, elimina posibilidades turísticas ao deixar de aplicar a ISO 14001 nas praias e xustifica, tamén por esta razón, a súa nula xestión demostrada estes últimos seis meses. Pero non ten inconvinte en subirse as dietas para el e para os seus concelleiros, para gastarse oito mil euros en aparellos de control, ou de pagar dúas prazas de auxiliares administrativos innecesarias que custan varios miles de euros.

Hai que demostrar xestión e deixarse de ir aos sitios soamente para cobrar as dietas. Hai que facer xestión e deixar de esconderse meténdolle a culpa de todo ao anterior goberno. Hai que facer xestión para que Burela e os seus veciños non perdan oportunidades de desenvolvemento. Hai que facer xestión para dar confianza.

Fixeron un balance dos últimos seis meses e din que teñen proxecto. E o único proxecto visible ata agora foi o de recuperar a xente do seu entorno para ocupar prazas no Concello.

A partir do un de febreiro os empregados do Concello terán a sensación de estar estabulados cando garden cola para apoiar un dedo na máquina controladora.

Estas son as iniciativas do equipo de goberno co señor Barcia á fronte. Triste.

Exit mobile version