Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pediu no pleno que solucione varios problemas que ten sen arranxar no colexio de Cervo

Nota der prensa

OS SOCIALISTAS PEDÍRONLLE A VILLARES NO PLENO QUE SOLUCIONE VARIOS PROBLEMAS QUE TEN SEN ARRANXAR NO COLEXIO DE CERVO

-A Dirección do centro de Cervo solicitou en varias ocasións o amaño de goteiras, charcas na entrada ou eliminación de barreiras arquitectónicas, pero “o señor Villares segue mostrando a súa pasividade e inoperancia”

-Dende o GMS tamén pediron que “se fagan as xestións oportunas para a creación dunha zona de aparcamento no Galdín, co fin de que os nenos non teñan que invadir a vía por falla de espazo, co risco que iso conleva”

CERVO, 27 DE XANEIRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo presentou, durante a sesión plenaria celebrada onte, unha proposta para que “o señor alcalde, Alfonso Villares, atendera ós escritos presentados ante o Concello por parte do centro educativo de Cervo.”

A Dirección do CEIP de Cervo solicitou solución para diferentes problemas cos que se atopan a diario pero o equipo de goberno mira para outro lado. Os socialistas aproveitaron o pleno para lembrarlle a Villares que os nenos e nenas de Cervo seguen esperando a que se “arranxen goteiras e os canalóns do pavillón, se nivele o chan da entrada ó recinto para que non se formen charcas ou se fagan as xestións pertinentes para a eliminación de barreiras arquitectónicas xa que hai nenos, usuarios do centro, con problemas de mobilidade.”

Dende o GMS non entenden a negativa do Concello tras pedir, en varias ocasións, o amaño destes asuntos. “O señor Villares volve a mostrar a súa pasividade, xa que se trata máis de vontade política que do custo da maioría das actuacións que solicitan, moitos dos problemas quedarían saldados cunha mañá de traballo dun empregado municipal.”

Ademais de poñer de manifesto a inoperancia do Concello e a pouca preocupación do alcalde con estes temas, “queda en evidencia, unha vez máis, a labor nula da asesora de políticas sociais, pois precisamente algunhas das peticións teñen que ver, e moito, con asuntos sociais, por exemplo, a eliminación das barreiras arquitectónicas. Vése que o seu traballo non pasa por facer nada, nin preocuparse por nada, máis que esgrimir as arcas municipais todos os meses.”

Aparcamento no Galdín

Por outra banda, no mesmo pleno, os membros do GMS pediron ó Concello que “se fagan as xestións oportunas para a creación dunha zona de aparcamento no centro educativo de Galdín co único fin de evitar o caos que se produce nas horas de entrada e saída dos nenos ó colexio. Pois a situación actual pon en risco ós máis indefensos, que sempre son os nenos, tendo que infrinxir e invadir a vía por falla de espazo co perigo que iso conleva.”

Os socialistas esperan que dende o Concello “se atenda a nosa petición, que non é máis que insistir no que veñen reclamando, en diversas ocasións e dende hai tempo, os pais, os nenos e o profesorado do centro, en definitiva, toda a comunidade educativa do concello.”

Exit mobile version