Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE reclama ao goberno da Xunta recursos para impulsar o turismo mariñeiro en Galicia

Nota de prensa:
Soneira rexistrou unha proposición no Parlamento

OS SOCIALISTAS RECLAMAN AO GOBERNO DE FEIJOO RECURSOS PARA IMPULSAR O TURISMO MARIÑEIRO DE GALICIA

-A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira pide incentivar e apoiar os novos proxectos turísticos vinculados ao mar e á actividade pesqueira e marisqueira

– Demanda tamén o desenvolvemento de actividades formativas, vinculadas ao turismo e á cultura mariñeira, que faciliten a cualificación profesional para o desenvolvemento desta actividade

-Sinala que rexistra esta proposta xa que ao longo da nosa costa existe un rico patrimonio cultural, etnográfico e histórico que, en moitos casos, está a piques de desaparecer

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2012. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou hoxe que rexistrou unha proposición no Parlamento na que reclama ao Goberno de Feijoo o desenvolvemento e simplificación das normas que permitan a presenza a bordo de turistas interesados nas actividades de pesca e marisqueo a flote.

A iniciativa rexistrada reclama incentivar e apoiar os novos proxectos turísticos vinculados ao mar e á actividade pesqueira e marisqueira. Demanda tamén o desenvolvemento de actividades formativas, vinculadas ao turismo e á cultura mariñeira, que faciliten a cualificación profesional para o desenvolvemento desta actividade.

Soneira pide programas de recuperación de contornos urbanos e etnográficos vinculados á actividade pesqueira e marisqueira, para a súa transformación en produtos turísticos de calidade.

A deputada solicita ademais programas de recuperación do contorno natural vinculado coa actividade pesqueira e marisqueira susceptible de ser ofertado como un produto turístico de alto valor medio ambiental.

A maiores demanda un programa de recuperación de pecios industriais e etnográficos, vinculados coa actividade pesqueira e marisqueira. E tamén un programa de apoio aos estaleiros de ribeira que permitan a súa supervivencia, a conservación das técnicas construtivas tradicionais e a produción de embarcacións tradicionais con destino á pesca profesional e á actividade náutico deportiva.

A portavoz de pesca sinala que rexistra esta proposta xa que ao longo da nosa costa existe un rico patrimonio cultural, etnográfico e histórico que, en moitos casos, está a piques de desaparecer por moi diversas razóns.

Relata que nas nosas vilas mariñeiras aínda se manteñen antigos rueiros mariñeiros que lograron sobrevivir á especulación urbanística e ás ansias pola modernidade mal entendida, que hai que preservar polos seus valores históricos e porque son un recurso moi valioso dende o punto de vista patrimonial e turístico se somos quen de aproveitalo.

E, por suposto, todos estes valores están situados nun espazo xeográfico que, na maioría dos casos, ten un gran valor paisaxístico e medio ambiental.

A suma de todos estes elementos conforma un gran potencial turístico que, convenientemente desenvolvido, pode contribuír o desenvolvemento social, económico e laboral das nosas comarcas costeiras.

Exit mobile version