Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE reclama explicacións sobre a nova situación da Delegación de Pesca de Celeiro

Nota de prensa

ISMAEL REGO RECLAMA EXPLICACIÓNS SOBRE A NOVA SITUACIÓN DA DELEGACIÓN DE PESCA DE CELEIRO

– O deputado do Grupo Parlamentario Socialista Ismael Rego afirma que a consolidación deste importante servizo para os cidadáns da costa lucense “foi un obxectivo dos distintos gobernos que pasaron pola Administración autonómica”, sinala que os avances para o sector pesqueiro non teñen discusión

-Rego quere coñecer cal é a situación na que queda a Delegación de Pesca de Celeiro dentro da nova estrutura do Goberno?. E tamén onde ten radicada a sede operativa o xefe ou xefa territorial da Consellaría do Medio Rural e do Mar?

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2012. O deputado do Grupo Parlamentario Socialista Ismael Rego anunciou hoxe que rexistrou unha iniciativa no Parlamento para reclamar explicacións sobre a nova situación da Delegación da Pesca de Celeiro.

Explica que a finais dos anos oitenta o Goberno galego adoptou a decisión de radicar na Mariña luguesa a delegación da Consellaría de Pesca.

O desprazamento da capital da provincia de delegacións provinciais da Administración autonómica, non podería ter maior xustificación que a de asumir que contando a provincia de Lugo con máis de oitenta quilómetros de costa. Relata que operan nela un dos sectores máis puxantes da economía “como é o sector pesqueiro”, e a máis de cen quilómetros da capital da provincia. Por iso “era imprescindible poñer os medios precisos para xestionar dende a proximidade o desenvolvemento dun sector básico para a súa economía”.

Rego afirma que a consolidación deste importante servizo para os cidadáns da costa lucense “foi un obxectivo dos distintos gobernos que pasaron pola Administración autonómica”, sinala que os avances para o sector pesqueiro non teñen discusión.

Así as cousas advirte que “parece entendible a preocupación dos cidadáns da Mariña, especialmente os do sector da pesca, cando das decisións do Goberno galego parece desprenderse a posibilidade da redución competencial e a administrativa da dita delegación, votando de novo a unha centralización na capital”. Denuncia que este feito “suporía perda de axilidade na xestión, gastos e desprazamentos, e unha empobrecedora perda de proximidade na adopción de decisións específicas dun sector singular como é o pesqueiro”.

Por todo isto Rego quere coñecer;

-Que valoración fai o Goberno galego do servizo que supón para o sector pesqueiro de Lugo a Delegación de Pesca radicada en Celeiro?

-Cal é a situación na que queda a Delegación de Pesca de Celeiro dentro da nova estrutura do Goberno?

-Onde ten radicada a sede operativa o xefe ou xefa territorial da Consellaría do Medio Rural e do Mar?

Exit mobile version