Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE solicita que as obras de ampliación do Galdín ser realicen no verán para garantir a seguridade dos alumnos

Nota de prensa:

OS SOCIALISTAS SOLICITAN QUE AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO GALDÍN SE REALICEN EN VERÁN PARA GARANTIR A SEGURIDADE DOS ALUMNOS

-A Xunta de Galicia leva tres anos cos colexios unificados e anunciou catro veces esta actuación, “agora non entendemos estas présas, esperamos que non primen os intereses políticos”

-Esixen que Villares interceda ante a Consellería de Educación “para non ocasionar trastornos á comunidade educativa”

CERVO, 18 DE XANEIRO. As obras de ampliación do CEIP Nº1 de Cervo estanse a iniciar a pesares de encontrarnos en pleno curso académico. Os socialistas non entenden a premura amosada pola Consellería de Educación e polo goberno local cando “levan tres anos os colexios unificados e anunciaron estes traballos en catro ocasións”.

Dende que decidiron unificar os dous colexios de San Ciprián no CEIP Nº1, “era necesario adaptar e dotar a este último cos servizos necesarios en relación ó número de alumnos que ía acoller”. A Agrupación Socialista de Cervo sempre manifestou a necesidade desta ampliación pero “non é lóxico que inicien as obras en pleno curso, cando os nenos están no centro”.

Dende o GMS aseguran que “os traballos en época lectiva diminúen a seguridade dos rapaces que estudian no colexio. Estamos a falar de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que, ademais, se atoparán con problemas de espazo para realizar as actividades escolares e deportivas e que terán que saír incluso ó exterior a pesares das inclemencias climatolóxicas”.

Os socialistas están de acordo coa solicitude do Consello Escolar do centro e pídenlle ó alcalde, Alfonso Villares, que “interceda ante a Xunta de Galicia para conseguir a paralización das obras ata que se poidan retomar durante o período vacacional de verán, meses nos que os nenos xa non teñen que asistir ó colexio”.

Subliñan que “o cuarto anuncio dos populares sobre a ampliación do Galdín foi por fin realidade pero queremos que se den conta do perigo que poden ocasionar estas obras ós máis pequenos. Tan só con realizalas durante o verán solucionarían este problema. Se continúan, demostrarán o pouco interese que teñen polos máis indefensos”. E engadiron, “non entenderemos estas présas a non ser que queiran xustificar actuacións finalizadas antes de vindeiros comicios electorais. Esperamos que prime a seguridade dos alumnos e alumnas de Cervo sobre intereses partidistas e políticos”.

Exit mobile version