Nota de prensa
PRESENTACIÓN OFICIAL DE JULIO DELGADO
Julio Delgado amosouse “ilusionado e coa máxima de gozar co que máis me gusta, que é o fútbol sala, ante un reto moi importante”. “A adaptación entre nós será rápida, posto que xa coñezo a gran parte do vestiario da miña tempada de segundo adestrador; non son un estraño e ademais podo conectar doadamente con eles porque, pola miña experiencia como xogador, podo facerme unha idea do que lles estará pasando pola cabeza” asegurou o burelista.
Con respecto ao presente e futuro da escuadra laranxa, o adestrador é cauto, pero tamén optimista: ‘Debemos ir partido a partido, pensar a curto prazo, pero vexo calidade individual e un gran grupo con moitas opcións para o play off. O equipo ten moitas ganas e ilusión por romper esta dinámica negativa; debemos atopar o plus do gol canto antes” dixo Julio Delgado.
Dende a xunta directiva, Manuel Blanco cualificou o estratega burelista como “unha aposta para manter vivo o espírito do CD Burela FS, que achegará unha perspectiva renovada para cumprir coa presenza do equipo entres os mellores da categoría”.
A traxectoria de Julio Delgado González (Salamanca, 1969) respira con aires mariñáns dende 1998, coa incorporación ao antigo Cefire FS dende o Rías Baixas, co que ascendeu a Honra, e con Universidade de Salamanca ou Astorga, tamén na máxima categoría, ás costas. O castelán recalou no Burela FS en 2002-03 en Primeira Nacional A, conseguiu o ascenso a Prata e disputou as dúas primeiras tentativas laranxas por coarse na elite (2004-05 e 2005-06). No Concello de Trabada FS, de Primeira B, alternou o labor de xogador e adestrador (2006-09).