Acaba de celebrar Foz a IX Festa do Berberecho, molusco vivaldo que aquí chamouse sempre chícaro, aínda que por Galicia adiante recibe istes nomes: croque, crica, caralleta, berberechiña, carneiro…J.V. Sueiro, xornalista e gastrónomo, di no seu libro “Manual do marisco”: “ existe a crencia de que algúns mariscos favorecen a vea amatoria dos que os comen. Poñen en situación, din; axudan a ese punto de enervamento que precede ó placer da parella humana, opinan…. Pero è que no berberecho esta característica lévana incorporada a algúns dos nomes galegos, xa que crica, berberechiña e incluso caralleta son sustantivos que afectan a zonas altamente eróticas da muller… “ Nas nosas pescudas non atopamos outro lugar no que se chamen chícaros , o que fai pensar que só en Foz reciben tal nome. Pregúntase un a qué ven trocalo, e por qué imos ser auto depredadores das nosas singularidades cando, como neste caso, trátase de algo que pertence ó noso patrimonio inmaterial, á nosa tradición, que debemos conservar, defender e espallar como algo propio e singular. Iste cronista reivindica o seu uso en toda ocasión. En 1996 foi a primeira festa , organizada pola ACIA, cando aínda eran chícaros…Desta vez, amais do atractivo larpeiro, o interese estaba no pregón a cargo do popular e querido Chingla a quen, en artigo publicado hai 20 anos, chamei O Cantor de Foz e del decía“:…ten as raíces mais fondas no noso mar; dende neno coñeceo os avatares da vida familiar que xiraba en torno á precariedade duns medios que debían chegar do océano inmenso. Os sons das sirenas dos barcos; a suave cadencia das ondas que morren na area da ribeira dos seus xogos infantís; os graznidos das gueivotas, enmarcaron as vivencias dos primeiros anos de quen, por razóns xenéticas, amosaba xa actitudes para o canto, que marcou o norte da súa vida. Unha vella melodía, cantada “a capella”, foi premiada con grandes aplausos. A lembranza daquel Foz dos anos xuvenís; das xentes e dos lugares que desfilan pola súa nostálxica cantiga “Eu quixera”, puxeron a nota emotiva nun pregón polo que foi moi felicitado..