Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia e INEGA realizarán un proxecto piloto de aforro enerxético no peirao de Celeiro

Nota de prensa

As consellerías do Medio Rural e do Mar e de Economía e Industria asinarán un convenio para a substitución das actuais luminarias por tecnoloxía LED

PORTOS DE GALICIA E INEGA REALIZARÁN UN PROXECTO PILOTO DE AFORRO ENERXÉTICO NO PEIRAO DE CELEIRO

A experiencia desenvolverase nos viais do porto lucense, onde se avaliará a reducción de custes de conservación e mantemento das lámpadas

Santiago, 22 de xaneiro de 2012.- Dentro da súa aposta pola mellora da eficiencia enerxética das instalacións existentes nos peiraos autonómicos, as Consellerías do Medio Rural e do Mar e de Economía e Industria asinarán un convenio para a realización dun proxecto piloto de instalación de luminarias de tecnoloxía LED. Esta experiencia, na que Portos de Galicia e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) colaborarán coa a empresa Tecno Solydi, desenvolverase no alumeado exterior dos viais do porto de Celeiro, no municipio lucense de Viveiro.

O obxecto do proxecto é a avaliación dun caso práctico das teóricas vantaxes da tecnoloxía LED sobre as convencionais, respecto a unha maior eficiencia enerxética e menores custos de conservación e mantemento. Neste sentido téñense en conta especialmente as condicións meteorolóxicas agresivas que se producen nas zonas portuarias e que obrigan a unha máis coidada tarefa de conservación das instalacións.

Concretamente o proxecto consistirá na substitución de 63 luminarias con lámpadas de vapor de sodio existentes por novas luminarias de tecnoloxía LED. Así mesmo instalarase un sistema de telexestión e de redución de fluxo que permitirá optimizar ao máximo a eficiencia do alumeado, mantendo as condicións de iluminación precisas para garantir a seguridade das instalacións portuarias.

O importe total do proxecto piloto é de 50.000 euros, dos cales Portos de Galicia aporta o 30%, INEGA o 40% e a empresa colaboradora a porcentaxe restante. Dende a Administración autonómica espérase que, de non xurdiren imprevistos, o proxecto poida estar en funcionamento para a próxima primavera.

Exit mobile version