Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle unhas xornadas sobre observación de aves organizadas pola Concellaría de Medio Ambiente

Nota de prensa

COMEZAN HOXE EN RIBADEO AS XORNADAS DE OBSERVACIÓN DE AVES QUE ORGANIZOU A CONCELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE PARA CELEBRAR O DÍA MUNDIAL DOS HUMEDAIS.

Ribadeo, 27 de xaneiro de 2012. Ribadeo acolle hoxe e o vindeiro domingo unhas xornadas sobre observación de aves organizadas pola Concellaría de Medio Ambiente.

Hoxe, 27 de xaneiro, ás oito e media da tarde na Casa das Letras haberá unha conferencia sobre Os humedais de Galicia: a ría de Ribadeo, a cargo de Pablo Ramil Rego, vicerrector da Universidade de Santiago de Compostela e ex director do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural. E o domingo 29 terá lugar unha visita a diferentes puntos da ría de Ribadeo “parando en zonas que sexan aptas para a observación das aves. Iremos en autobús, que sairá ás 10 da mañá da oficina de turismo”, segundo explicaba o edil Horacio Cupeiro hai un días.

O concelleiro de Medio Ambiente lembrou que “a ría de Ribadeo é unha zona ZEPA (zona de especial protección de aves), e está incluída dentro da lista de humidais protexidos polo convenio internacional de Ramsar”. E subliñou que “agora mesmo é unha época idónea para poder observar as aves na ría porque están dentro do período migratorio e veñen aquí pasar o inverno fuxindo do frío do norte de Europa”.

As Concellarías de Medio Ambiente e Turismo promoven así unha nova forma de aproveitamento do contorno de Ribadeo, compatible co mantemento dos valores naturais, co valor engadido de coincidir o máximo interese ornitolóxico nun período de afluencia de visitantes habitualmente baixa.

Exit mobile version