Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo estrea un campo de fútbol 7 de herba sintética, sufragado pola Deputación e o Concello

Nota de prensa

RIBADEO ESTREA UN NOVO CAMPO DE FÚTBOL 7 DE HERBA SINTÉTICA, SUFRAGADO POLA DEPUTACIÓN E O CONCELLO

Esta infraestrutura, ubicada en terreos cedidos por Educación pertencentes ao CEIP Gregorio Sanz, conta cun investimento de 160.000 euros (100.000 por parte da Deputación e 60.000 o Concello de Ribadeo)

O campo é de céspede sintético cunhas dimensións de fútbol 7 e poderá ser empregado polos equipos de fútbol base de Ribadeo

LUGO, 7 de xaneiro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia; e máis Xosé Carlos Andina, representante da Xunta de Galiza por delegación do seu responsábel de Educación en Lugo, inauguraron esta mañá en Ribadeo un campo de fútbol 7 de céspede sintético, situado nos terreos anexos ao CEIP Gregorio Sanz, e que poderá ser usado polos equipos de fútbol base de Ribadeo.

A construción desta infraestrutura realizouse mediante un acordo entre a Área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo, a través do cal a institución local aporta 60.000 euros e os restantes 100.000 euros corren por conta da Deputación de Lugo. O Concello de Ribadeo chegou a un acordo coa institución educativa pola que o campo de fútbol se ubica nos terreos do CEIP Gregorio Sanz, o que vai permitir que sexa empregado pola propia comunidade educativa e ao mesmo tempo por todos os equipos de base do concello.

O campo de fútbol 7, con terreo de xogo de dimensións inferiores a un campo de fútbol estándar xa que son empregados por categorías inferiores, foi executado pola empresa Oxem Sports, e ten a superficie de herba sintética, que destaca pola súa durabilidade polo que o terreo de xogo permanecerá en perfectas condicións fronte a situacións climatolóxicas adversas, soportando perfectamente ademais un uso intensivo por parte das categorías de base de Ribadeo. Outro dos puntos favorábeis que posúe o céspede artificial fronte ao natural é a menor dependencia do mantemento, polo que a nova superficie de xogo sintética vai permitir aforrar recursos económicos e humanos á hora de realizar o seu mantemento.

Desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e a súa Área de Benestar Social e Deporte, que dirixe o nacionalista mariñán Antonio Veiga, continúase co traballo emprendido en anos anteriores a prol de espallar a práctica deportiva por todas as comarcas lucenses, o que implica como neste caso dotar de infraestruturas que permitan practicar deporte a toda a poboación, pero especialmente desde a base.

Exit mobile version