Site icon Crónica3.com A Mariña

Sen solución para o peche de Ecar, Industria mediará con Traballo para que o ERE sexa de suspensión

Nota de prensa 1/2

Na reunión celebrada esta tarde (martes, 24 de decembro de 2012) no consistorio de Mondoñedo na que participaron o Conselleiro de Industria, Javier Guerra; membros do comité de empresa de ECAR-FINSA e representantes da corporación municipal puxéronse sobre a mesa varias alternativas ante o peche da factoria mindoniense. En palabras do alcalde de Mondoñedo, Orlando González “O conselleiro foi claro e non creou falsas expectativas, algo que é moi de agradecer”.

O Conselleiro informou sobre as xestións realizadas perante FINSA para evitar o peche da fábrica logo de varias reunións e deixou claro que non hai marcha atrás, que é unha decisión meditada, que non se trata de que busquen axudas económicas por parte da administración senón que a decisión do peche é unha estratexia empresarial. A pesar da dura realidade o Conselleiro comprometouse a mediar coa Consellería de Traballo para intentar que o ERE de ECAR deixe de ser de extinción para convertirse nun de suspensión.

Entre as alternativas que se plantexaron destaca a posibilidade de que os empregados da factoría se organicen nunha cooperativa ou fórmula similar para continuar coa xestión da empresa para o cal a consellería poría medios técnicos e económicos, con axudas que poderían alcanzar o 50% das inversións. Este apoio non se reduce unicamente aos traballadores da factoría senón que se algún outro emprendedor dedice iniciar algún tipo de actividade industrial na zona tamén se podería beneficiar delas.

Os obreiros de ECAR fixaron para mañá unha asemblea xeral de traballadores na que tratarán, entre outros temas a posibilidade de autoxestionar a fábrica.

Tamén se decidiu a creación dunha comisión integrada polo alcalde de Mondoñedo, portavoces municipais e técnicos da Consellería para facer un seguimento da situción e buscar medidas compensadoras ante a perda de tantos postos de traballo. Esta comisión reunirase o vindeiro luns na Casa do Concello de Mondoñedo ás doce do mediodía.

Polo que respecta a outras alternativas compensadoras para a zona, como por exemplo a de creación dunha residencia de anciáns en Mondoñedo o conselleiro informou que non están dentro das súas competencias, pero que a comisión que se vai crear pode contemplar esta iniciativa igual que calquera outra que poda xurdir.

Antes do inicio da reunión, centenares de mindonieses así como veciños de localidades próximas entre os que destacaba un grupo de traballadores da empresa Hermida de Lourenzá congregáronse ás portas da Casa do Concello de Mondoñedo en señal de apoio aos traballadores de ECAR e para mostrar unión ante a problemática laboral na comarca.

Nota de prensa 2/2

Javier Guerra anuncia a creación dunha comisión de seguimento na que a Xunta e o Concello de Mondoñedo avancen na busca de alternativas para atraer investimentos á zona
O titular de Economía reuniuse hoxe coa corporación municipal de Mondoñedo e representantes dos traballadores de Ecar e Muebles Hermida
Guerra insistiu en que dende a Consellería estase a facer un importante esforzo na busca de investimentos para a comarca e lembrou que este territorio está incluído no Impulsa Lugo
Javier Guerra salientou que a Consellería mobilizou investimentos en Mondoñedo por importe de máis de 4,3 millóns de euros e 30 empresas mindonienses foron apoiadas nesta lexislatura
Volver
Mondoñedo, 24 de xaneiro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, visitou hoxe o Concello de Mondoñedo no que mantivo reunións coa corporación municipal e con representantes dos traballadores de Ecar e Muebles Hermida, aos que trasladou o apoio da Xunta de Galicia.

Na reunión co conselleiro trasladou “o importante esforzo que se está a facer dende a Xunta de Galicia para atraer investimentos á zona” e acordouse a creación dunha comisión de seguimento na que a Xunta e o Concello poidan colaborar con este fin. O luns será primeira reunión da comisión, e contará con representantes da Consellería, de XesGalicia, do Impulsa Lugo e máis do Concello.

Con respecto a Ecar o titular de Economía salientou que a Xunta está a buscar investimentos que se poidan facer cargo das instalacións coa máxima prioridade posta no emprego e tamén apuntou á posibilidade de que os traballadores se convertan en propietarios da empresa, “aínda que esta alternativa comercialmente resulta mais complicada”, sinalou.

Guerra insistiu en que dende a Consellería farase todo o posible papa buscar proxectos que se poidan instalar no Concello e lembrou que este territorio está incluído no Impulsa Lugo. De feito, o titular de Economía e Industria salientou que a Consellería mobilizou investimentos en Mondoñedo por importe de máis de 4,3 millóns de euros. Deste xeito, un total de 30 empresas mindonienses foron apoiadas na lexislatura.

Exit mobile version