Site icon Crónica3.com A Mariña

24 persoas recibiron formación de albanelería, carpintería e xardinería nos obradoiros de Alfoz e Valadouro

Nota de prensa

Traballo forma a 24 alumnos en albanelería, carpintería e xardinería no obradoiro de emprego de Alfoz e Valadouro

A conselleira do departamento autonómico, Beatriz Mato, clausurou hoxe esta iniciativa que busca a inserción laboral das persoas desempregadas
As actuacións desenvolvidas polos participantes permitiron a rehabilitación dos centros sociais da Pinguela e de Chao, o acondicionamento da rotonda de Ferreira e a mellora das marxes dos ríos Ouro, Bao e Ferreira
Mato indicou que o Goberno galego destinou en 2011 máis de 100.000 euros a accións de promoción do emprego en Alfoz e preto de 50.000 en Valadouro, un financiamento ao que se suman os preto de 520.000 euros investidos no obradoiro de emprego
Puxo en valor aos concellos que chegan a acordos para levar adiante iniciativas conxuntas en materia de emprego

Alfoz (Lugo), 23 de xaneiro de 2012.- O obradoiro de emprego de Alfoz e Valadouro no que a Consellería de Traballo e Benestar investiu preto de 520.000 euros acadou a formación de 24 persoas desempregadas nas especialidades de albanelería (10), carpintería 8) e xardinería (6). A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, clausurou hoxe esta iniciativa que combina a práctica laboral cunha formación de calidade co obxectivo de acadar unha aprendizaxe axeitada ás necesidades do mercado laboral.

Así o destacou a conselleira, quen indicou que a prioridade do Goberno galego segue a ser a mellora da empregabilidade dos traballadores e traballadoras de Galicia proporcionándolles novas ferramentas e habilidades que amplíen as súas opcións de atopar un posto de traballo.

Apuntou, ademais, que outra das vantaxes dos obradoiros de emprego- unha modalidade de política activa de emprego-, é que permite “un importante espazo de colaboración entre a Xunta cos concellos”, ao tempo que puxo en valor ás administracións locais que chegan a acordos entre elas para levar adiante iniciativas conxuntas en materia de emprego.

Desta forma, explicou que o obradoiro de Alfoz e Valadouro, ademais da formación dos alumnos, permitiu a rehabilitación dos centros sociais da Pinguela e de Chao, o acondicionamento da rotonda de Ferreira e a mellora das marxes dos ríos Ouro, Bao e Ferreira.

Así mesmo, Mato destacou que a Xunta levou a cabo outras accións en materia de emprego nestes concellos ao longo de 2011. Sinalou, ao respecto, que en Alfoz investíronse máis de 100.000 euros en actuacións de promoción do emprego e preto de 50.000 en Valadouro.

Para 2012, a titular de Traballo resaltou que a Administración autonómica reforzará a aposta por este tipo de programas, destinando en toda Galicia máis de 20 millóns de euros. Ademais, resérvanse 45,1 millóns de euros para os plans de cooperación cos concellos e 19,7 millóns para os programas de cooperación coas entidades. En total, a Xunta financiará con preto de 85 millóns de euros diferentes programas para a mellora da empregabilidade.

“Reforzaremos, polo tanto, estas liñas de actuación que están enmarcadas no noso obxectivo primordial que é o da recuperación da senda da estabilidade económica e do emprego”, concluíu a conselleira.

Exit mobile version