Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres días, tres conselleiros

Tres días, tres conselleiros

En tres días A Mariña lucense foi o destino elixido por tres membros do Goberno galego: a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o conselleiro de Economía e Industira, Javier Guerra e o titular do departamento autonómico de Presidencia, Alfonso Rueda. Lonxe de ser este un simple feito puntual dá conta do compromiso dos actuais responsables da Xunta de Galicia cunha comarca, que ao igual que o conxunto do país, está a sufrir a impacto e as duras consecuencias da crise.

Desde o Partido Popular temos agradecer a presenza, protagonismo e implicación destes tres altos cargos, e do conxunto do Goberno galego, nestes momentos difíciles. Non só demostran ser plenamente coñecedores e conscientes das necesidades desta comarca -das que nos tamén lles fixemos traslado-, senón que están ao noso carón na idea de presentar proxectos concretos para impulsar distintas iniciativas de apoio, agora cando máis se precisan.

A diferenza do xeito de actuar doutras formacións políticas e cargos públicos da oposición. No Partido Popular nin negamos a crise, nin renunciamos á nosa responsabilidade. Implicámonos na procura de solucións. Non vale o que outros fixeron no pasado. Non se pode combater a crise desde a parálise, nin aplicando as políticas que nos levaron a afundirnos nesta situación. Temos que rexeitar a liña que seguiron socialistas e nacionalistas.

Na Mariña lucense, como no conxunto de España, a prioridade é a creación de emprego e a consolidación da actividade económica e industrial. E tamén o son para estes tres conselleiros, para o conxunto da Xunta e para o seu presidente, como puido transmitirllo Alberto Núñez Feijóo aos propios traballadores de Mobles Hermida cando os recibiu no Parlamento.

Precisamente hoxe o emprego e o mantemento do tecido industrial e empresarial, son os dous ámbitos que están ameazados. Coa apertura de novas infraestruturas de benestar e atención social, coa aposta decidida polo diálogo e o apoio da Xunta para buscar solución ás problemáticas de emprego e coa mellora dos servizos xudiciais, vamos na boa dirección.

Cando o PP lideraba e promovía o pasado mes de decembro unha iniciativa no Parlamento de Galicia que acadaba o apoio unánime do conxunto de forzas políticas e sociais, pedíamos a implicación da Xunta, e do resto das administracións, na posta en marcha dun plan de emprego e dinamización económica. A visita destes tres conselleiros vén a demostrar que estamos dando pasos nesa dirección. Que o actual Goberno da Xunta -e o Partido Popular- dá a cara e a talla en defensa desta comarca, como non podía ser doutro xeito.

Jose Manuel Balseiro Orol

Exit mobile version