Site icon Crónica3.com A Mariña

UNIFOZ cualifica de como “tomadura de pelo” e engano aos veciños de Foz o anuncio de viabilidade da residencia

Nota de prensa

Hai uns días o señor alcalde entregounos o que se chamou ESTUDO DE VIABILIDADE DE RESIDENCIA DE MAIORES PARA FOZ, pero realmente o documento é, como o seu nome indica, o INFORME URBANÍSTICO E VIABILIDADE DE PARCELA.

En primeiro lugar queremos agradecer ao señor alcalde que nos entregara o documento por iniciativa propia. Seguidamente temos que cualificar tal anuncio do E.G. de Foz como “ tomadura de pelo” e engano aos veciños de Foz.

Hai un tempo que un deputado do PP, anunciara que o Parlamento de Galicia acordara facer un estudo sobre a necesidade da Residencia de Maiores para Foz, entendemos que tal estudo, quere dicir, analizar a poboación maior de Foz e a súa evolución, así como a área de influencia… e agora vemos que ese mesmo deputado indica que ese é o estudo ao que se refería.

O informe urbanístico feito por unha consultaría externa non di nada que xa non coñeceramos en Foz: unha parte do informe fai referencia a que “se ten pensado ceder un total de 4000 m2”, pois xa sabemos que a parcela foi cedida pola Corporación de Foz, e, cando se cedeu, xa se coñecía a edificabilidade da mesma.

No mencionado informe fai referencia a que na parcela podía ser construída unha edificación para acoller unha residencia de 40 prazas para internos e 40 para Centro de Día, algo que nos parece insuficiente, tendo en conta a demanda do Asilo actual.

Polo E.G. fálase de que é posible coexistir unha residencia de nova construción con 40 prazas e o Asilo actual con 35 prazas; dende UNIFOZ tal proposta parécenos desacertada, tendo en conta a diferenza das instalacións e as carencias en instalacións básicas do Asilo actual, que necesita con urxencia unha reforma integral das mesmas, e que en curto prazo deixarán de funcionar.

UNIFOZ quere instar ao E.G. a que traballe dunha vez por todas e se deixe de vender fume, para conseguir un documento de compromiso, con prazos, con financiamento e, sobre todo, cun proxecto que responda ás necesidades que ten Foz e a súa zona de influencia.

UNIFOZ considera que o número mínimo de prazas que ten que ter a Residencia de Maiores de Foz é de 70 prazas para internos e outras 30 prazas para Centro de Día, segundo se desprende da práctica diaria doutras instalacións similares e próximas a Foz.

Exit mobile version