Nota de prensa
Preto de 1.200 empregados públicos participaron nas accións formativas que impulsou a Deputación en 2011
– O Presidente e o Deputado de Xestión Interior entregaron este luns no Pazo de San Marcos os diplomas ós participantes no Plan de Formación 2011
– Máis do 30% das accións formativas centráronse na informática e nas novas tecnoloxías. O programa incorporou ademais, xornadas específicas para bombeiros ou policías
Foron en total 1.200 horas de formación, das que máis do 31% se repartiron en 13 cursos centrados en materias relativas á informática, que reflicte o obxectivo dos responsables provinciais de acadar a total implantación da e-administración nos 49 Concellos lucenses que se sumaron ó programa Innova-TE, co financiado con fondos europeos, e grazas ó cal os veciños poderán ter acceso a unha administración aberta 24 horas os 365 días do ano. Para isto, é de vital importancia que os traballadores da administración local sexan os primeiros en formarse en novas tecnoloxías.
Unha formación que responde ás demandas actuais
Ademais das novas tecnoloxías, destacou a formación específica para determinados colectivos, como os de policías ou bombeiros. A eles foron destinadas máis de 250 horas de coñecementos teóricos, recibidas nas instalacións das Aulas de Formación da Deputación, e prácticos, xa que grazas á colaboración entre a institución provincial e o Concello de Lugo puideron realizar prácticas de rescate en accidentes de tráfico nas instalacións do Parque Municipal de Bombeiros.
A oferta de formación no 2011 completouse con outros cursos cuxo contido responde ás demandas actuais: o papel das TIC na Administración, a inserción sociolaboral de persoas desempregadas, a aplicación práctica da Lei de Contratos do Sector Público ou sobre o plan de ordenación do litoral.
Descentralización de oferta formativa
Tendo en conta que esta oferta está dirixida ós traballadores da administración local de toda a provincia, estes cursos se celebraron nas renovadas instalacións das aulas formativas do pazo provincial, pero tamén se desprazaron cara outros puntos da provincia, co fin de achegar estas xornadas ó maior número de traballadores.
Os empregados públicos da Mariña puideron acudir en Viveiro a xornadas coma “Curso de perfeccionamento e actualización do profesorado do Conservatorio de Música. Módulo de coñecementos Constitucional e Administración”, “Aplicación práctica do coñecemento administrativo ás Entidades Locais”, “Redacción de documentos administrativos” e “Trastornos da conduta na infancia”. Na zona sur da provincia, Monforte centralizou a oferta formativa, coa celebración de “EBEP: xestión do cadro de persoa e dos postos de traballo. Implantación da carreira profesional. Avaliación do desempeño. Negociación colectiva”.
Dende a Deputación xa están perfilando a oferta deste ano, para a que están traballando de cara a mellorar en aspectos como aumentar a especificidade das propostas formativas, atendendo a temáticas menos xeneralistas que teñan en conta as realidades de cada contexto e promover un axuste máis directo de tempo/contidos, aumentando a carga práctica nos cursos, sobre todo nos de carácter máis técnico.