Site icon Crónica3.com A Mariña

Uns 1.200 empregados públicos participaron nas accións formativas que impulsou a Deputación

Nota de prensa

Preto de 1.200 empregados públicos participaron nas accións formativas que impulsou a Deputación en 2011

– O Presidente e o Deputado de Xestión Interior entregaron este luns no Pazo de San Marcos os diplomas ós participantes no Plan de Formación 2011

– Máis do 30% das accións formativas centráronse na informática e nas novas tecnoloxías. O programa incorporou ademais, xornadas específicas para bombeiros ou policías

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, entregaron este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os diplomas acreditativos de asistencia e aproveitamento ós participantes nas 41 accións formativas (38 delas on line) que impartiu o pasado ano o organismo provincial. 1.192 empregados públicos que prestan servizo tanto na institución provincial coma nos Concellos lugueses se beneficiaron dos cursos.

Foron en total 1.200 horas de formación, das que máis do 31% se repartiron en 13 cursos centrados en materias relativas á informática, que reflicte o obxectivo dos responsables provinciais de acadar a total implantación da e-administración nos 49 Concellos lucenses que se sumaron ó programa Innova-TE, co financiado con fondos europeos, e grazas ó cal os veciños poderán ter acceso a unha administración aberta 24 horas os 365 días do ano. Para isto, é de vital importancia que os traballadores da administración local sexan os primeiros en formarse en novas tecnoloxías.

Unha formación que responde ás demandas actuais

Ademais das novas tecnoloxías, destacou a formación específica para determinados colectivos, como os de policías ou bombeiros. A eles foron destinadas máis de 250 horas de coñecementos teóricos, recibidas nas instalacións das Aulas de Formación da Deputación, e prácticos, xa que grazas á colaboración entre a institución provincial e o Concello de Lugo puideron realizar prácticas de rescate en accidentes de tráfico nas instalacións do Parque Municipal de Bombeiros.

A oferta de formación no 2011 completouse con outros cursos cuxo contido responde ás demandas actuais: o papel das TIC na Administración, a inserción sociolaboral de persoas desempregadas, a aplicación práctica da Lei de Contratos do Sector Público ou sobre o plan de ordenación do litoral.

Descentralización de oferta formativa

Tendo en conta que esta oferta está dirixida ós traballadores da administración local de toda a provincia, estes cursos se celebraron nas renovadas instalacións das aulas formativas do pazo provincial, pero tamén se desprazaron cara outros puntos da provincia, co fin de achegar estas xornadas ó maior número de traballadores.

Os empregados públicos da Mariña puideron acudir en Viveiro a xornadas coma “Curso de perfeccionamento e actualización do profesorado do Conservatorio de Música. Módulo de coñecementos Constitucional e Administración”, “Aplicación práctica do coñecemento administrativo ás Entidades Locais”, “Redacción de documentos administrativos” e “Trastornos da conduta na infancia”. Na zona sur da provincia, Monforte centralizou a oferta formativa, coa celebración de “EBEP: xestión do cadro de persoa e dos postos de traballo. Implantación da carreira profesional. Avaliación do desempeño. Negociación colectiva”.

Dende a Deputación xa están perfilando a oferta deste ano, para a que están traballando de cara a mellorar en aspectos como aumentar a especificidade das propostas formativas, atendendo a temáticas menos xeneralistas que teñan en conta as realidades de cada contexto e promover un axuste máis directo de tempo/contidos, aumentando a carga práctica nos cursos, sobre todo nos de carácter máis técnico.

Exit mobile version