A CRISE E O HOSPITAL DO NORTE DE LUGO.
En política, con todo, as cuestións adoitan ser máis complexas que fixar unha meta, e conta, e moito, a forma na que se alcanza a mesma. No que respecta á reforma laboral, esta non só ten de conseguir devolver a esperanza aos que hoxe sofren o paro, senón que ten de facelo sen desmantelar a estrutura social que, a día de hoxe, aínda nos permite levar unha vida máis ou menos pacífica. E iso non o intúe unha reforma laboral tan desequilibrada e inxusta.
Con todo, Rajoy decidiu, coa cota de submisión que corresponde a España ante Europa, tomar o mesmo camiño que os seus colegas de Grecia, Portugal, Irlanda ou Italia uns países que a tumbos van cumprindo as metas numéricas, pero ao prezo de desmantelar a estrutura social e non deixar pedra sobre pedra.
A maltreita situación económica está a comezar a cobrarse vítimas e, como sempre, esas vítimas, os prexudicados, son os que menos falan, os que menos protestan, os enfermos que ven aprazada a súa curación. Todo indica que a crise está a comezar a mostrar a máis negra das súas patiñas debaixo da porta, a que ten que ver con carencias na sanidade pública, a que ten que ver coa saúde dos cidadáns
Coa crise as destartaladas políticas sanitarias e a manifesta incapacidade para ordenar a asistencia médica aumenta o desconcerto cidadán. Que ninguén o dubide. É inadmisible que até agora fosen tan poucos os que movesen un dedo para emendar erros de vulto cando se sabe ben que os médicos especialistas en A Mariña apenas existen e que os que existen son inalcanzables porque, ou ben traballan na medicina privado e hai que pagar cantidades desorbitadas para que aténdanche ou vas á pública onde tes que acender un par de velas para sortear o tres ou catro meses de espera.
É certo que a sanidade privada está chamada a xogar un papel importante no mapa sanitario deste norte nordesio donde o hospital da costa esta quedando para atender pequenas intervencións, atencións especializadas e post operatorios que teñen unha boa saída neses centros, pero xa sabemos que Galicia ten un gran volume de concertos con centros privados do noso país é para que como cidadáns formulémonos algunhas preguntas. En que condicións de calidade asistencial funcionan eses centros? canta paga o goberno galego a estancia dun enfermo do SCS desviado a un centro concertado? quen controla desde a proximidade, con autoridade e rigor, sen compadreo, o estado e a atención que se presta nos centros privados e se as clínicas cumpren ou non coa exixible relación persoal/prezo/calidade asistencial?. Falamos dun substancioso cordón umbilical que ambos necesitan e cortalo é complicado. Por iso mirar para outro lado é sobrevivir.
Lamentablemente cada vez son menos as voces autorizadas que se atreven a denunciar os recortes sanitarios; non acabo de entender por que non son os médicos os que den a voz de alarma. É tan evidente que o recorte está a afectar á saúde cidadá que porlle altofalante é un exercicio de responsabilidade. Hai cousas coas que non se debe xogar e unha delas é a sanidade pública, un alicerce vital que se continúa debilitándose todos aqueles que hoxe calaron terán unha importante responsabilidade. O que se escoita no hospital de A Mariña, a situación na que traballa o persoal asusta un pouco. Se fosen certas só algunhas das confidencias verbalizadas nos corredores sería para preocuparse e moito. Non xoguen con iso, non xoguen coa saúde.
Otero Regal