Nota de prensa
A Deputación insta a todas as administracións a sumar esforzos contra o despoboamento na presentación do libro Lugo Reacciona
– O Presidente destacou que este volume, que recolle por vez primeira as fórmulas contra a caída demográfica que propoñen os mellores expertos de Galicia na materia, serve para afrontar o “maior problema de Galicia, xa que os seus custes son incuantificables”
– Gómez Besteiro subliñou que na institución luguesa “non nos resignamos e seguiremos tomando medidas para fixar poboación”, avanzando que o libro será a folla de ruta do Orzamento do ano 2013 e que será remitida os grupos parlamentarios e á Xunta
– Previamente á presentación da obra, Francisco Sineiro, Andrés Precedo Ledo e Javier Taboada falaron do cooperativismo como fórmula de éxito para fixar poboación
Gómez Besteiro destacou que o “despoboamento demográfico, a hemorraxia social, é o maior problema de Galicia xa que os seus custes son incuantificables. Deste xeito, Xosé Gabriel Vázquez afirma nesta publicación que imos cara a extinción do ser lucense e do ser galego”. Ó respecto, o titular provincial subliñou que na Deputación “nos nos resignamos”, e fixo un novo chamamento “para que todas as administracións se sumen contra o despoboamento demográfico, instando á Xunta a que reactive a Comisión de Revitalización Demográfica aprobada polo Parlamento”. “Necesitamos repensar Galicia. Necesitamos un proxecto político de país que nos permita ser nós mesmos”, asegurou.
O Presidente lembrou que a Deputación foi a 1º administración en Galicia en dar a voz de alarma sobre a sangría demográfica, organizando o ano pasado o foro Lugo Reacciona, cos mellores expertos do país; creou a primeira área de goberno dunha institución dedicada á demografía; solicitou á FEGAMP a creación dun grupo de traballo estable que desenvolva actuacións específicas e trasladou á FEMP as conclusións do Lugo Reacciona para reactivar o seu departamento de despoboamento, xa que afecta a polo menos unha ducia de provincias españolas.
“Seguiremos adoptando todas as medidas para, dentro das nosas posibilidades, poñerlle freo a esta tendencia”, argumentou, avanzando neste senso que “esta publicación será a folla de ruta que marcará a elaboración do Orzamento da Deputación para o ano 2013 e que o libro será remitido esta mesma semana tanto ós grupos parlamentarios como á Xunta, administración que, ó igual que fixo no anterior debate sobre demografía, voltou a declinar a nosa invitación para participar no debate de hoxe”.
Gómez Besteiro remarcou que “hoxe presentamos esta publicación, a primeira de Galicia destas características, coas fórmulas polas que apostas os expertos contra o despoboamento, e aquí non pararemos. Hoxe, tomamos boa nota de todo o que aqui se falou: a necesidade de impulsar os recursos endóxenos, de ordenar a propiedade da terra, de potenciar o sector primario ou o emprego a través dos servizos do benestar social…; para seguir dando respostas de futuro”.
As claves para recuperar habitantes
Algunhas das fórmulas contra o despoboamento plantexadas polos expertos en Lugo Reacciona son as seguintes: conciencias cidadana; que os centros de decisión das empresas estean en Galicia, se non sempre seremos unha economía subordinada, como está a pasar co sector lácteo; reformas estruturales como a modificación da Lei de Sucesión, que impide a moitos mozos seguir á fronte das explotacións gandeiras; modificar o sistema de herdanzas, xa que o minifundio imposibilita explotacións con dimensións competitivas; a non fusión dos municipios, que contribúe a acelerar o despoboamento e a perda de dinamismo; aposta pola calidade dos produtos galegos e a produción ecolóxica; avogar pola cooperación interadministrativa; a extensión das novas tecnoloxías no rural, manter transporte públicos básicos nas áreas en declive; aposta pola migración de xubilados e neorurais; potenciar as cabeceiras de comarca porque son polos de crecemento que fixan poboación; integrar as políticas de todas as Consellerías dedicadas a unha mesma comarca nun único proxecto, xa que evitaría duplicidades; aposta polo arrendamento de terras de explotacións que cesaron a súa actividade; máis apoio para as empresas do rural, como en Francia, onde reciben axudas públicas; aposta polas centrais de reservas como un modelo de cooperativismo para que se creen empresas; e a creación de residencias e centros de día, e a atención a domicilio como oportunidades de creación de emprego.
Xornada de Cooperativismo
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inaugurou a xornada O Cooperativismo, unha fórmula contra o despoboamento, previa á presentación do libro Lugo Reacciona e que incluíu tres conferencias a cargo de Francisco Sineiro García, Andrés Precedo Ledo e Javier Taboada, presidente da cooperativa agrogandeira ICOS de Chantada. Na súa disertación sobre As Actividades de cooperación económica no medio rural polas asociacións e cooperativas, Francisco Sineiro recalcou a necesidade de tomar medidas que atallen a caída demográfica, pois trátase dunha tendencia “que seguirá o mesmo ritmo, por si soa non se vai deter”, ademais de asegurar que se debe “a unha “herdanza do pasado, debido ó éxodo rural e á emigración, e un resultado do presente, motivado polo nivel de renda e da calidade de vida no rural”.
Sineiro afondou nos modelos de cooperación que desenvolven asociacións e cooperativas, incidindo na necesidade de que os obxectivos e as actuacións fixados deben ser a longo prazo e permanentes. Como exemplo da boa xestión do cooperativismo puxo os Centros de Economía Rural (CER), modelo francés de empresas asociativas a distintos niveis territoriais. “Existen ó redor de 700 en todo o país, que reúnen a uns 320.000 asociados, dos que unha terceira parte son agricultores e que conta con 11.000 colaboradores, os cales prestan apoio interdisciplinar ós CER: asesoramento corrente, xestión corrente, servizos fiscais, entre outros”, explicou Vázquez.
Pola súa banda, Precedo Ledo, na súa conferencia Da Cooperación intermunicipal á fusión de municipios: realidades e alternativas, sinalou a necesidade de “evitar a fusión de municipios en todo o posible”, posto que “hai que facer diferentes lecturas do territorio fuxindo do dogmatismo e dos modelos impostos”, xa que, segundo indicou, “xestionar o territorio é xestionar a complexidade, polo que será necesario adoptar distintos modelos organizativos adaptados á realidade de cada caso”. As solucións con posibilidades de éxito que se adopten neste ámbito, argumentou, “deben cumprir dúas premisas: por unha banda, teñen que ser organizacións adaptativas, que non apliquen modelos por imitación doutros, senón que teñan en conta factores como o territorio, a poboación ou a herdanza cultural, e por outra banda, deben ter en conta a integridade territorial, pois doutra forma, nos núcleos máis pequenos non só se corre o risco de perder poboación, senón tamén dinamismo”.
En canto ó presidente da cooperativa Icos, Javier Taboada, defendeu as cooperativas para frenar o despoboamento polos seguintes motivos: “fixan emprego cualificado na especialidade agraria: son un estímulo permanente para o mantemento e a incorporación de mozos á actividade; dignifican a profesión; melloran os rendementos e os ingresos aproveitando as axudas dispoñibles de diferente administracións e facilitan un clúster relacionado coa agrogandería xerando tecido produtivo”.
As xornadas sobre cooperativismo remataron cun coloquio no que interviñeron os tres conferenciantes, xunto a Xosé Gabriel Vázquez, e estivo de moderador o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Juan José Díaz Valiño.