Site icon Crónica3.com A Mariña

A secretaría xeral para o Deporte chama aos concellos de Lugo a participar no Plan Galicia Saudable

Nota de prensa:

A Secretaría Xeral para o Deporte chama aos concellos de Lugo a participar no Plan Galicia Saudable
Lete Lasa mantivo hoxe cos alcaldes e representantes municipais de Lugo un encontro informativo sobre o Plan Galicia Saudable destinados a gañar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego

O SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE FAI UN CHAMAMENTO AOS CONCELLOS DE LUGO PARA QUE SE SUMEN AO PLAN GALICIA SAUDABLE E CONTRIBUÍR A ACADAR UN PAÍS MÁIS ACTIVO E SAN

O Plan Galicia Saudable busca loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas creando as condicións necesarias para tornar os hábitos de vida dos cidadáns galegos cara unha maior práctica da actividade física
O obxectivo é lograr un Plan o máis transversal posible, para o que é necesario acadar a máxima participación e implicación por parte dos axentes municipais

Lugo, 27 de febreiro de 2012.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha xuntanza con alcaldes e representantes municipais da provincia de Lugo para presentarlles o Plan Galicia Saudable, unha acción encamiñada a gañar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego e que se presentará publicamente o vindeiro mes de abril. No encontro, Lete Lasa fixo un chamamento aos responsables locais para adherirse ao dito Plan e, deste xeito, contribuír ao obxectivo de lograr un país máis activo e san.

Esta xuntanza enmárcase dentro dunha serie de encontros que o secretario xeral para o Deporte está mantendo con distintos dirixentes locais. Como xa ocorrera para as áreas da Coruña e Vigo, José Ramón Lete Lasa reuniu hoxe en Lugo a alcaldes, concelleiros e técnicos municipais para darlles a coñecer o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, aos que informou do contido e da transcendencia do mesmo e resaltou a importancia da adhesión dos municipios aos seus obxectivos a través da Declaración de Galicia Saudable. Segundo explicou Lete Lasa, o fin último do proxecto é

estender a práctica deportiva entre a poboación galega e concienciar á sociedade dos seus beneficios para a saúde.

Neste caso, xunto á delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participaron representantes dos concellos da Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Cervo, Chantada, Foz, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, O Valadouro, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Pol, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Sarria, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, Vilalba , Viveiro e Xove.

Ademais da importancia e dos obxectivos do Plan, o secretario xeral para o Deporte, explicoulles aos representantes municipais o estado actual do mesmo e as fórmulas previstas para a participación dos concellos e agrupacións municipais de Galicia, que se fará a través da Rede Galega de Unidades de Promoción do Exercicio Saudable. Segundo dixo, o obxectivo da Xunta é artellar un proceso o máis transversal e completo posible, polo que salientou o interese de implicar a todos os concelleiros e técnicos dos diversos departamentos municipais relacionados co eido de actuación do Plan Galicia Saudable: deportes, educación, sanidade, transportes, urbanismo, turismo, medio ambiente, servizos sociais, etc.

O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é a resposta unitaria do Goberno galego para loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas ao mesmo, a través dunha aposta por promover cambios no estilo de vida da sociedade galega e impulsar a práctica da actividade física.

O Parlamento galego deulle o pasado mes de decembro o visto e prace a un Plan que pretende crear as condicións necesarias para que a poboación galega desfrute dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, así como previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.

Nese sentido, o Plan Galicia Saudable recolle as liñas e recomendacións das principais organizacións mundiais relacionadas coa saúde, que chaman a atención sobre a necesidade de poñer en marcha medidas que interveñan sobre o contorno e os estilos de vida, desde unha perspectiva intersectorial que transcenda o meramente sanitario e que conte coa participación de diferentes actores sociais con capacidade de influír sobre as causas destas enfermidades.

O secretario xeral para o Deporte explicou aos representantes municipais que o Plan non só quere promover cambios, senón tamén asegurar que eses cambios se consoliden e sexan sustentables, de aí a importancia de traballar de xeito coordinado con outros ámbitos da administración.

Exit mobile version